O futuro da loita olímpica nacional pasa polo CGTD

Pontevedra
23 de novembro 2018

Un grupo de 70 deportistas traballan estes días no Centro Galego de Tecnificación Deportiva dentro da concentración dos equipos nacionais en categoría escolar e cadete. Moitos deles buscarán o próximo ano a clasificación para o Europeo Junior que se celebrará en Pontevedra

Recepción no Concello de Pontevedra aos seleccionadores nacionais de loitas olímpicas PontevedraViva

Un grupo de 70 deportistas traballan estes días no Centro Galego de Tecnificación Deportiva dentro da concentración dos equipos nacionais de loitas olímpicas en categoría escolar e cadete. 

En concreto están presentes representantes de loita libre olímpica, loita feminina e grecorromana en idade escolar e de libre olímpica e loita feminina en categoría cadete.

Xunto aos equipos nacionais exercítanse ademais os 15 bolseiros do CGTD, con adestramentos a cargo de diferentes seleccionadores nacionais, que este venres foron recibidos no Concello de Pontevedra.

Precisamente o Europeo Júnior que se celebrará en Pontevedra en 2019 está moi presente na concentración, xa que non son poucos os deportistas que tentarán clasificarse para a competición o próximo ano.

"Tentamos atraer estas concentracións a Galicia para que os deportistas galegos poidan incrementar o seu nivel", recoñeceu o responsable da actividade e representante da Federación Galega, Pablo Pintos, no que supón un paso máis para situar o centro de tecnificación pontevedrés como un dos puntos clave a nivel nacional no desenvolvemento deste deporte olímpico.

A concentración dos equipos nacionais de loitas olímpicas iniciouse o pasado mércores 21 de novembro e finalizará este sábado día 24.