O Gran Mestre ruso Daniil Yuffa, vencedor do V Torneo Internacional de xadrez

Pontevedra
14 de agosto 2017

Seis vitorias e tres empates deixaron o seu marcador en 7,5 puntos, medio máis que un grupo de seis xogadores cuxos desempates outorgaron a segunda posición ao israelí Oratovsky e o bronce ao búlgaro Petkov

O Gran Mestre ruso Daniil Yuffa (esquerda) durante o V Torneo Internacional de xadrez Escola Xadrez Pontevedra

Despois de varias xornadas de intensa competición, un dos grandes favoritos adxudicouse o triunfo final do V Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de xadrez, o Gran Mestre Daniil Yuffa.

O xogador ruso proclamouse campión tras empatar na novena e última rolda ante Strikovic e concluír con seis vitorias e tres empates.

Desta forma Yuffa sumou 7,5 puntos, medio máis que un grupo de seis xogadores cuxos desempates outorgaron a segunda posición ao israelí Oratovsky e o bronce ao búlgaro Petkov.

O V Torneo Internacional Cidade de Pontevedra contou coa participación de 170 xadrecistas de 13 países e repartiu un total de 10.000 euros en premios, cun montante de 1.500 para o primeiro clasificado.

En canto aos xogadores locais, o mellor galego e tamén español na clasificación final foi o Mestre Internacional Diego Espiñeira, do Club Xadrez Padrón, ao ser quinto, mentres o pontevedrés Alberto Portela concluíu décimo cuarto a só un punto do campión.