O Gran Premio de España, parada de Lydia Pérez tras o seu bronce nos Xogos do Mediterráneo

Pontevedra
07 de xullo 2022

A deportista pontevedresa foi recibida este xoves na Deputación tras o seu éxito nos Xogos do Mediterráneo. Coa moral reforzada, no horizonte parace o Campionato do Mundo que terá lugar en setembro en Serbia

Recepción da Deputación a Lydia Pérez tras o seu bronce nos Xogos do Mediterráneo Mónica Patxot

Lydia Pérez conseguiu nos recentes Xogos do Mediterráneo unha sobresaliente medalla de bronce, o primeiro metal da loita feminina galega nesta competición internacional. Un logro que a enche de moral para os seus próximos retos.

No horizonte para a deportista do Loita Pontevedra empeza a asomar o Campionato do Mundo que se celebrará a mediados de setembro na capital serbia, Belgrado.

Antes "mañá viaxo a Madrid para participar no último interncional do ano", explicou a pontevedresa este xoves nunha recepción oficial da Deputación que tivo lugar nos xardíns do Palacete das Mendoza, en relación á súa participación a fin de semana no Gran Premio de España de Loitas Olímpicas (8-10 de xullo).

"Seguirei dándoo todo para situar á miña provincia no máis alto do podio", sinalou Lydia xunto ao deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, quen valorou especialmente "o seu traballo, esforzo e sacrificio nun deporte como a loita, no que existen tantas dificultades para adestrar profesionalmente".