O grupo opositor a Lupe Murillo nútrese de accións que foron de Mauricio Rodríguez, Milo e Nino Mirón

Pontevedra
18 de xaneiro 2017

As operacións de compra realizadas polo grupo empresarial Abal Camiña (os irmáns Manuel e Luís), poderían ter como anteriores propietarios das accións a Administradores de economía, S.L., empresa que adquirira á súa vez ditas accións ao expresidente Nino Mirón, ao exadestrador e exsecretario técnico do club, Milo Abelleira, e ao tamén expresidente Mauricio Rodríguez Boullosa

José Luis Tilve López (esquerda) durante a súa intervención na Xunta de accionistas do Pontevedra
José Luis Tilve López (esquerda) durante a súa intervención na Xunta de accionistas do Pontevedra / Mónica Patxot

Máis da terceira parte da masa accionarial do Pontevedra, acumulada en distintas operacións de compra por un grupo empresarial que este martes saltou á palestra pública con motivo da Xunta xeral, resultou insuficiente para consumar o "golpe de estado" que se pretendía dar coa proposta de cesamento do actual Consello presidido por Lupe Murillo, para dar paso a un novo no que os seus membros fosen elixidos respectando a proporcionalidade actual da propiedade de accións.

Inversiones y gestión alimenticia, S.L., Meañomar, S.L. e Congelados y Conservas Marabal, S.L., son algunhas das firmas do grupo empresarial Abal Camiña (os irmáns Manuel e Luís), que estiveron representadas na Xunta polo avogado pontevedrés José Luis Tilve López, quen protagonizou os debates votando en contra de todos os puntos da orde do día.

Con todo, non puideron sacar adiante o punto introducido por sorpresa nesa orde do día, aceptado pola presidenta e anunciado aos accionistas ao comezo da xunta, ao non obter máis respaldo que o seu propio, en boa parte como consecuencia do descoñecemento que o resto da masa accionarial presente na reunión tiña sobre os verdadeiros propietarios de tan importante paquete de accións, ou dos seus obxectivos con respecto ao Pontevedra, que en ningún momento foron debatidos nin dados a coñecer.

Porque a pregunta que se facían boa parte dos accionistas ao termo da xunta é quen són, que pretenden e de onde saíron as accións que posúen, tendo en conta que a composición da masa accionarial do Pontevedra ata hai ben pouco, reunía en moi escasas persoas máis dun 80% do seu accionariado, o que facía complexo calquera movemento significativo da carteira.

Pois ben, segundo puido saber PontevedraViva, Manuel Abal Camiña, empresario de Meaño, posúe accións do Pontevedra desde hai algúns anos, pero non sería ata este último ano cando, a través de diversas e moi discretas negociacións decidiu empezar a adquirir distintos paquetes de accións, así como cantidades de menor relevancia, que lle levaron ata o momento para dispoñer dese ao redor do 37% que se estima que compón agora mesmo a súa carteira accionarial.

Como conseguiu esa cantidade de accións? Distintas fontes consultadas apuntan a que as operacións de compra realizadas polas tres empresas antes citadas, poderían ter como anteriores propietarios das accións a Administradores de economía, S.L., empresa que adquirira á súa vez ditas accións ao expresidente Nino Mirón nunha operación non exenta de polémica no seu momento, ao exadestrador e exsecretario técnico do club, Milo Abelleira, que accedería a elas polo sistema de conversión de débeda en accións, e ao tamén expresidente Mauricio Rodríguez Boullosa, que pasaría en pouco tempo de ser persoa moi próxima ao actual consello a aceptar a oferta económica que lle foi presentada por este grupo opositor.

Todo apunta a que este non será o último capítulo dunha historia que volve a convulsionar a unha entidade como a granate, precisamente cando comezaba a levantar cabeza tras a nefasta xestión dos seus últimos responsables, que colocara ao Pontevedra ao bordo da desaparición, antes da chegada de Lupe Murillo.