Unha das probas máis esperadas do ano no atletismo pontevedrés xa ten data. O medio maratón de Pontevedra celebrarase o 15 de outubro e o prazo de inscrición atópase xa aberto.
Unha das novidades para a carreira que cada ano organiza a Sociedade Ximnástica pasa pola inclusión dunha competición para os máis pequenos da familia ou a opción, para os corredores sénior, de participar ao mesmo tempo no medio maratón e na carreira dos 10 quilómetros.
Nesta ocasión, o prazo de inscrición ábrese con maior antelación e inclúe tres prazos con distintas cotas.
Entre o 1 de marzo e o 31 de maio o prezo do medio maratón será de 15 euros e a dos 10 quilómetros, de 8 euros. A partir de xuño e ata o 30 de setembro a inscrición ascende ata os 20 euros para o medio maratón, mentres que a proba curta mantén o prezo. Finalmente, do 1 ao 8 de outubro, os prezos pasan a 30 e 15 euros, respectivamente.
No caso das carreiras de menores, o prezo é único e mantense inmóbil desde o 1 de marzo ao 12 de outubro polo valor simbólico de 1 euro.
Todas as inscricións deben tramitarse na páxina web oficial do Medio Maratón de Pontevedra.
As prazas son limitadas, polo que os interesados en participar non deben deixar pasar a ocasión de anotarse canto antes. Na carreira de menores, a participación estará limitada a 300 corredores, mentres que a de 10 quilómetros está deseñada para 600 e o medio maratón, para 1.400.
Outra opción de conseguir unha inscrición nesta proba é a través da compra por valor mínimo de 125 euros na tenda Miler Vintage Running Club antes do 30 de setembro.
O evento celebrarase o 15 de outubro co inicio da proba de menores ás 10.20 horas, a de 10 quilómetros, ás 10.40 horas; o mini gran fondo, ás 10.35 horas; e o medio maratón, ás 11.00 horas.