O mellor arranque goleador do Pontevedra nos últimos 40 anos

Pontevedra
16 de outubro 2023

A goleada conseguida polos granates no campo do líder Zamora colocou o equipo adestrado por Yago Iglesias na lista dos mellores inicios goleadores do club ao longo dos seus recentemente cumpridos 82 anos de historia. De feito, só en dúas ocasións (exceptuando as tres campañas en categoría rexional das que non se atoparon datos) a cifra de tantos na xornada 7 de liga foi superior, nas campañas 54-55 e 45-46

Partido de liga entre Pontevedra CF e Guijuelo en Pasarón Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol cumpre este luns 16 de outubro 82 anos de vida, e faino festexando aínda o impoñente triunfo conseguido no campo do aínda líder Zamora (0-4). Esta goleada, unida aos últimos resultados como o 5-0 ao Guijuelo ou o 6-0 ao Langreo, situaron ao equipo adestrado por Yago Iglesias na lista de mellores arranques goleadores en toda a historia da entidade granate. Case nada.

De feito é o mellor inicio goleador dos últimos 40 anos xa que hai que retroceder ata a campaña 82-83, en Terceira División, para atopar a mesma cifra que agora en canto a puntería, con 20 tantos a favor nas sete primeiras xornadas de competición. Para velo con maior perspectiva, o curso pasado en Primeira RFEF non se superou a barreira dos 20 goles ata a xornada 28 do campionato, no mes de marzo (3-1 contra o Linares) e a estas alturas a bagaxe era de só 5 goles a favor.

Rufo e Yelko Pino, con cinco dianas cada un, están empatados á cabeza do pichichi do Grupo I, e tamén viron porta Dalisson (3), Álex González (3), Hermelo (1), Garay (1), Chiqui (1) e Bastos (1).

A cifra únese ademais a unha solidez defensiva que foi mellorando co paso das xornadas. Son só catro os goles encaixados, o mellor dato desde a liga 2011/2012. O balance é aínda máis espectacular se sacamos da ecuación as dúas primeiras xornadas (derrota contra a Gimnástica de Torrelavega 1-2 e empate 1-1 contra o Valladolid Promesas), e é que desde entón o Pontevedra anotou 18 goles e recibido só 1, o que lle supuxo xustamente ceder outro empate na casa do Cayón. 

Volvendo aos datos históricos, tras revisar todas as tempadas na historia do Pontevedra (coa excepción da fundacional 41-42 onde non disputou liga e os cursos 42-43 e 57-58 por xogar en categoría rexional e non lograr dispoñer de datos fiables), só en dúas ocasións a entidade granate inicou con maior puntería a tempada, e foi en ambas as dúas para mediados do século XX. O mellor inicio data da campaña 45/46 con 29 goles a favor na mesma xornada, mentres que na 54-55 asináronse 24 goles. As dúas veces xogando en Terceira. Ademais en tres ocasións máis se chegou aos 20 goles. Foi na 47-48, na 59-60 (a do histórico ascenso a Segunda na Puentecilla), e na 82-83, a máis recente ata o de agora.

Uns datos estratosféricos que, en todo caso, non deben desviar a atención dunha clasificación na que os granates son aínda segundos, a catro puntos dun liderado que ocupa aínda o Zamora e que é o principal obxectivo, ao ser a única praza de ascenso directo. Os de Yago Iglesias puxeron os seus ollos niso e están no bo camiño para logralo.