O Nacional de Augas Abertas, un reto para o Club Natación Galaico

Pontevedra
16 de xuño 2017

O equipo pontevedrés acode á localidade catalá de Banyoles cun nutrido equipo no que destaca Paula Goyanes, que tentará pelexar polo título na categoría junior e de paso lograr a clasificación para o Campionato de Europa

Paula Goyanes, na última xornada do Campionato de España Open de Primavera de Natación Mónica Patxot

Preséntase intensa a fin de semana para o Club Natación Galaico, con varias frontes abertas para os seus deportistas.

O principal deles será o Campionato de España de Augas Abertas que se disputa na localidade catalá de Banyoles. Alí o Galaico presentará un nutrido equipo no que destaca a presenza de Paula Goyanes, que parte con opcións de loitar polo triunfo na categoría junior 2 e de paso busca a clasificación para o próximo Campionato de Europa.

Ademais de Goyanes acoden á cita Cristian Fernández (Absoluto), Ramón Fernández (Infantil), Alejandro Torres (Junior-1), Pablo García (Infantil), Carla Goyanes (Junior-1) e Natalia Castro (Infantil).

Outra das frontes abertas esta fin de semana será o Open Comunidad de Madrid no que estará presente Bea Gómez Cortés, que nadará as probas de 100 braza e os 50 libre.

Ademais o Galaico estará presente este sábado no Trofeo Pedro Escudeiro, en Ourense, cun equipo de 22 nadadores, e tamén tomará parte na Copa Galega Benxamín na piscina Javier Gómez Noya de Ferrol.