O Marín Peixe Galego estará un ano máis na Liga LEB Ouro, sempre que a súa economía o permita ante os problemas derivados da crise sanitaria.
A Federación Española de Baloncesto anunciou este xoves, tras reunirse por terceira vez de maneira telemática cos 18 clubs da segunda categoría nacional, que a competición se pechará sen descensos de categoría. Esta decisión beneficia a un equipo marinense que marchaba pechacancelas da liga e con escasas opcións de conseguir a permanencia na cancha.
"Decidiuse que non haberá ningún descenso de categoría nesta tempada, á vez que se avanzou na fórmula para definir os dous ascensos de LEB Ouro a Liga Endesa que están regulados no convenio de coordinación subscrito na FEB e a ACB", explica a Federación nun breve comunicado.
Avánzase desta forma nunha medida como a cancelación da tempada demandada pola maioría das entidades deportivas, posto que moitos equipos terían problemas para volver xogar este curso. É o caso do Peixe, debido ao contratempo que supoñería a ampliación de contratos e mesmo simplemente polo problema para reunir aos seus xogadores, que na maioría de casos marcharon ás súas cidades e países respectivos a pasar o confinamento.
En canto aos ascensos, a maioría dos presentes na reunión mostráronse conformes con outorgar praza na máxima categoría aos dous primeiros da táboa no momento da suspensión, é dicir, Valladolid e Gipuzkoa, aínda que existen serias discrepancias con outros aspirantes para dar o salto á ACB, polo que a Federación anunciou que comunicará a súa decisión respecto diso a próxima semana.