O piragüismo galego despide o ano repartindo premios

Pontevedra
21 de decembro 2019

Tania Fernández, Tania Álvarez, Tono Campos e Carlos Arévalo foron recoñecidos como os mellores piragüistas da tempada.

Gala anual do piragüismo galego Fegapi

O piragüismo galego reuniuse na tarde do venres en Pontevedra para celebrar a tradicional gala anual na que se premia aos mellores deportistas, técnicos, clubs e árbitros da tempada. Ademais dos protagonistas deste deporte, no acto estiveron tamén presentes representantes de institucións e profesionais de diversos ámbitos relacionados co piragüismo.

A campaña NON contra a violencia machista levada a cabo pola Xunta de Galicia recibiu este ano o premio ao mellor patrocinio, que o recolleu Susana López Abella, a secretaria xeral de Igualdade, baixo a mirada do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o alcalde de Pontevedra; Miguel Anxo Fernández Lores; e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea; quen tamén asistiron á gala.

Entre os deportistas recoñecidos estaban Tania Fernández, Tania Álvarez, Tono Campos e Carlos Arévalo como mellores deportistas do ano. Teresa Portela recibiu o premio especial da xunta directiva pola súa clasificación para os Xogos Olímpicos de Tokio, que supoñerá a súa sexta participación olímpica.

A elevada participación das ligas galegas de augas bravas, kaiak de mar ou kaiak polo tamén motivaron a concesión dun premio, así como ao mellor adestrador, mellor club, mellor árbitro ou mellor fotógrafo.