Queda menos dun ano para que se acenda o pebetero olímpico de Tokio e os deportistas están xa metidos de cheo na procura dun billete para a competición máis esperada do mundo deportivo. Na cidade húngara de Szeged, entre o 21 e 25 de agosto, celébrase o campionato do mundo de piragüismo sprint coas derradeiras prazas para os Xogos Olímpicos en liza. Alí estarán dez padeeiros da comarca de Pontevedra e Arousa.
Á fronte da delegación galega, que acode a Hungría con once padeeiros e unha media de idade de 22 anos, está Teresa Portela, que busca o paso aos seus sextos xogos olímpicos na modalidade de K1-200. Para cumprir esta fazaña, a piragüista do UCAM Murcia, debe terminar entre as cinco primeiras clasificadas.
Para facer realidade o soño de clasificarse para os seus primeiros Xogos, a kayakista pontevedresa Carolina García terá que terminar tamén entre as cinco mellores. Un reto maiúsculo para a padeeira do EP Ciudad de Pontevedra, que debuta no K1-500 no seu segundo ano en categoría absoluta enfrontándose a rivais da talla de Danuta Kozak ou Lisa Carrington.
A súa compañeira de equipo, Antía Jácome, tentará facer o propio no C2-500 xunto á valisoletana Patricia Coco. Para logralo deberán acabar entre as oito primeiras, aínda que a pontevedresa xa ten asegurada a súa presenza nos Xogos no C1-200.
Outra dupla que ten como meta a clasificación para Tokio 2020, son os padeeiros do CP Poio, Sergio Vallejo e Adrián Sieiro. A parella leva varios anos adestrando xuntos e cultivando éxitos, o seu salto ao centro de alto rendemento de Sevilla serviulles para mellorar aínda máis o seu rendemento sobre a canoa. Agora aspiran ao podio no mundial, aínda que con terminar entre os oito primeiros bastaríalles para competir na capital nipoa na modalidade de C2-1000.
O pontevedrés David Barreiro buscará tamén a gloria no C1-500, do mesmo xeito que o seu veciño Pablo Graña, que o fará no C2-200 xunto ao seu compañeiro madrileño, Alberto Pedrero.
A grovense Natalia García tamén acudirá a Szeged coa ilusión de clasificarse, xunto ás súas compañeiras do K4-500, á súa primeira cita olímpica. Para logralo deben concluír entre as dez primeiras. Os arousáns Tono Campos e Iago Monteagudo participarán tamén no campionato en busca dun novo título mundial para o piragüismo galego.
AO MUNDIAL DE MARATÓN
O campionato de españa de piragüismo maratón disputado esta fin de semana en Pontevedra repartiu tamén numerosos billetes para o mundial que se disputará en China no mes de outubro. Alí estarán as pontevedresas Jenifer Casal ( C1) e Raquel Rodríguez ( C1), ademais de Óscar Graña (C2). Tamén participarán na cita mundialista Tono Campos (en C1 e C2), Diego Romero ( C2) e Tania Álvarez ( K2).