O descenso administrativo a Terceira División do Club Deportivo Ourense abre unha seria posibilidade de ascenso nos despachos para o Pontevedra Club de Fútbol, equipo que por méritos deportivos será o primeiro ao que ofrezan esta vacante.
Por unha parte, o Ourense perde a categoría ao non ter sido capaz de afrontar a débeda contraída co plantel antes das 12:00 horas deste luns, prazo fixado pola comisión mixta formada pola AFE e a Federación Española de Fútbol.
A cantidade a pagar situaríase en torno aos 160.000 euros
O regulamento nestes casos é claro e situaría aos granates a un paso de Segunda B, posto que en primeira instancia a praza corresponde ao equipo galego con mellor dereito deportivo, sumando os puntos conseguidos na fase regular e os partidos de play-off de ascenso, onde o Pontevedra caeu na última eliminatoria ante o Puertollano mentres Cerceda e Boiro o fixeron no primeiro cruzamento.
En caso de que ningún deles cumpra os requisitos os dereitos pasarían aos equipos da mesma demarcación territorial que descendesen de Segunda B, é dicir, o filial do Celta de Vigo, e por último ao resto de equipos da Terceira Galega por orde de clasificación e aos demais descendidos de Segunda B.
Para facer efectivo o ascenso o club lerezano debería aboar unha cantidade que se corresponde á media da débeda que fixo descender a Ourense, Noja e Laudio, unha cifra que a falta de confirmación por parte da Federación Española se situaría en torno aos 160.000 euros.
José Manuel Fernández: "Mi obligación es estudiar todas las opciones y plantearlas al Consejo"
Se o Pontevedra reúne esa cantidade obtería a praza en Segunda B, pero dende o club polo momento prefiren non se posicionar oficialmente ata a reunión que o Consello de Administración manterá durante a tarde do martes, aínda que algúns dos seus membros xa comezaron a traballar nesta posibilidade.
Así o recoñeceu o presidente do Pontevedra, José Manuel Fernández, ao asegurar que "mi obligación es estudiar todas las opciones y plantearlas al Consejo".
Esta reunión antóllase clave no futuro do equipo granate, que aínda tería a opción de pelexar por unha praza na categoría de bronce, esta sen custo ningún, se finalmente o Puertollano renuncia ao ascenso, unha circunstancia que ata o momento nega o club manchego.