O Pontevedra, ante unha xornada clave

Pontevedra
08 de marzo 2017

Os granates, que recibirán o vindeiro domingo (17:00 horas) ao sexto clasificado, o Valladolid B, poden dar un paso de xigante cara ao play-off xa que o quinto, a Ponferradina, visita o campo do Real Racing Club de Santander. Se gañan e o Racing fai o propio ampliarían a sete puntos a vantaxe sobre os seus perseguidores

Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe Mónica Patxot

Despois de 28 xornadas de competición na Segunda B, o Pontevedra atópase no momento da verdade, no que pode deixar encamiñada a súa presenza no play-off de ascenso.

Os granates afrontarán este domingo unha xornada clave, ao recibir (17:00 horas) ao Valladolid B, sexto clasificado ao que avantaxa actualmente en 6 puntos na clasificación. Esta cita coincide coa visita da Ponferradina, quinto na táboa e chamado a ser o gran adversario do Pontevedra, a un dos campos máis complicados da categoría, o do Real Racing de Santander.

En caso de vencer ao filial valisoletano e que o Real Racing faga o propio ante a Ponferradina a brecha co quinto clasificado ampliaríase a 7 puntos con só nove xornadas por disputar.

Son só contas, pero no Pontevedra son concientes de que poden dar un paso de xigante se suman o seu terceiro triunfo consecutivo en liga, do mesmo xeito que o é unha afección que quere achegar o seu gran de area buscando o mellor ambiente posible nas bancadas de Pasarón. Para iso organizaron unha sesión vermú previa ao choque ante o Valladolid.

En canto ao rival, o filial blaquivioleta chegará á cidade de Lérez no seu peor momento da tempada despois de catro xornadas sen gañar, e como un dos peores conxuntos a domicilio da liga. Só sumaron 11 puntos fóra da casa en toda a liga, os mesmos por exemplo que o pechacancelas Somozas e só superando a equipos como Arandina, Guijuelo e Osasuna B, unhas cifras que contrastan coa súa fortaleza cando xoga nos anexos do José Zorrilla, onde o Pontevedra perdeu na primeira volta da competición (2-1).