O Pontevedra líbrase dos estremeños e do Logroñés na repartición de grupos de Segunda B

Pontevedra
05 de xullo 2016

A Comisión Mixta de Segunda B acordou este luns que o Grupo I compoñerano a próxima tempada os equipos galegos, asturianos, castelán-leoneses, cántabros e navarros, proposta preferida polo club granate. A liga comezará a fin de semana do 20 e 21 de agosto

Luisito dando instrucións aos seus xogadores no partido ante o Tudelano Diego Torrado

A Comisión Mixta da Real Federación Española de Fútbol acordou este luns, tras unha reunión celebrada en Madrid, a composición dos grupos de competición na Segunda División B.

Neste encontro decidiuse que finalmente o Grupo I, no que está incluído o Pontevedra, compoñerase do resto de equipos galegos, castelán-leoneses, asturianos, cántabros e navarros.

Precisamente a inclusión destes últimos, en lugar dos tres estremeños e do Logroñés era a principal dúbida na repartición de grupos. Finalmente A Rioxa pasa a formar parte do Grupo II e os estremeños do Grupo IV, xusto a proposta que defendía o Pontevedra.

A liga dará comezo a fin de semana de 20 e 21 de agosto

Desta forma os granates terán como rivais esta tempada a Boiro, Celta B, Coruxo, Racing de Ferrol, Somozas, Arandina, Burgos, Cultural Leonesa, Guijuelo, Palencia, Ponferradina, Valladolid B, Caudal, Lealtad, Racing de Santander, Osasuna Promesas, Izarra, Mutilvera e Tudelano.

Noutra orde de cousas a Comisión Mixta decidiu tamén que a liga dará comezo o fin de semana do 20 e 21 de agosto, e farao cunha novidade rechamante, e é que se ampliarán as convocatorias para os partidos dos 16 futbolistas actuais ata os 18, a semellanza da Liga de Fútbol Profesional.

Todas estas medidas deben de ser agora ratificadas pola Federación Española de Fútbol nunha reunión que se celebrará o próximo 15 de xullo.