O Pontevedra presenta o calendario de actos do seu 75 aniversario

Pontevedra
03 de outubro 2016

A programación elaborada polo club conta con diversos actos desde o luns 10 de outubro ata o domingo 16, día no que os granates reciben en Pasarón ao Lealtad coincidindo co 75 aniversario da entidade. Charlas con personalidades do mundo do fútbol como Jorge Valdano ou Vicente del Bosque, unha exposición e unha cea conmemorativa figuran entre as actividades presentadas

Lupe Murillo e Xabier Fortes presentan os actos do 75 aniversario do Pontevedra
Lupe Murillo e Xabier Fortes presentan os actos do 75 aniversario do Pontevedra / PontevedraViva

O vindeiro domingo 16 de outubro o Pontevedra Club de Fútbol cumprirá 75 anos, unha data que a entidade quere celebrar cun calendario de actividades que se iniciará o luns día 10.

Ese luns, ademais do encontro da Selección Española Sub-21 organizado pola Federación Galega en Pasarón, inaugurarase no Pazo Provincial da Deputación unha exposición con material e fotografías da historia da entidade no que pretende ser "el embrión del futuro museo del club", recoñeceu Xabier Fortes, cabeza visible da comisión organizadora dos actos. Nela e ata o 6 de xaneiro poderanse atopar desde camisetas da etapa do Hai que Roelo, pasando por fotografías históricas e ata o equipamento da Selección Española que vestiu Neme, único futbolista que logrou ser internacional mentres militaba no Pontevedra.

De martes a venres (20:00 horas) celebraranse ademais unha serie de charlas no Teatro Principal, polas que pasarán xogadores históricos do club como Perico Estévez, Ceresuela, Quella ou Milucho (martes 11), personalidades do mundo do fútbol como Jorge Valdano (mércores 12), Vicente del Bosque (xoves 13), e xornalistas como Santiago Segurola, Roberto Palomar e Ramón Besa (venres 14).

O mesmo venres está prevista á súa vez unha cea oficial na Finca Batacos no que pretende ser un "gran reencuentro" granate. A cea, cun prezo de 30 euros e un límite de 500 prazas, está aberta a todos os afeccionados que se queiran apuntar.

O Pontevedra anuncia prezos populares para o partido ante o Lealtad

Por último o domingo 16 de outubro terá lugar ás 12:00 horas unha sesión vermut no paseo das Palmeiras, lugar fundacional do Pontevedra Club de Fútbol.

En canto ao partido de liga ante o Lealtad (domingo 16, 17:00 horas), a intención da directiva granate é fixar uns prezos populares que permitan gozar dun gran ambiente festivo no Estadio Municipal de Pasarón.

CAMISETA CONMEMORATIVA E NOVO AUTOBÚS

O aniversario servirá tamén como presentación das camisetas conmemorativas desta tempada, segundo avanzou a presidenta Lupe Murillo, que revelou ademais que o club contará de novo con autobús especialmente rotulado para os seus desprazamentos. Por outra banda espérase reinagurar a tenda situada nos baixos do estadio.

O PONTEVEDRA, NO CUPÓN DA ONCE

Como colofón aos actos de aniversario, o Pontevedra Club de Fútbol será protagonista o día 16 de outubro do cupón da ONCE, tras a proposta do presidente da institución, o pontevedrés Miguel Carballeda.

Arquivado en