Son "75 anos de paixón, dun clube que representa a toda unha cidade e toda unha provincia". Esas palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, resumen a exposición que o Pazo Provincial acolle desde este luns abrindo os actos do 75 aniversario da entidade granate.
Un paseo pola historia do club, por momentos, xogadores e persoas vinculadas co Pontevedra e que "é posible por xente como Rafa Vidal, empregado que foi gardando material durante anos", sinalou na presentación o resposanble da súa montaxe, o xornalista Xabier Fortes.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, ou grandes nomes da historia do club como Cholo, Calleja, Ceresuela, Fuertes, Juan Fermín, Churruca, Luís Rivas ou Pablo Vázquez, entre outros, non quixeron perder a apertura da exposición, que se poderá visitar ata o día 6 de xaneiro.
A etapa do 'Hai que Roelo' acapara gran parte dos focos dunha mostra que pretende ser o embrión dun futuro museo do club, pero tamén poden atoparse fotos de épocas máis recentes ou material deportivo de todos estes anos.
A maior parte do material exposto procede de coleccións privadas e dos propios protagonistas da historia granate e as súas familias, como o equipamento da Selección Española que usou Neme, único futbolista que foi internacional absoluto con España xogando en Pontevedra.
Pero en 75 anos non todo foron bos momentos. "Pasáronse momentos malos", lembrou na súa intervención o alcalde, que vén ben ter presentes e que deron paso unha "situación estable" na actualidade "a falta dos resultados deportivos", pero que supuxeron segundo Lores "unha dose de humildade e realismo". Por iso o rexedor da capital aproveitou para pedir aos seus veciños "que aposten polo Pontevedra e colaboren facéndose socios", xa que só así se conseguirá ver con optimismo o futuro.
Optimismo que si transmite a presidenta granate Lupe Murillo, ao afirmar convencida que "llegar a Primera nos va a costar tres, cuatro o cinco años, pero volveremos".
PRESENTACIÓN DO NOVO AUTOBÚS
Media hora antes de que se abrise oficialmente a exposición, o Pontevedra aproveitou para presentar o novo autobús rotulado co que viaxará a partir de agora o equipo.
Trátase dun autocar da empresa Monbus e que quedou decorado de cor granate, co escudo do equipo, signos da cidade e unha gran foto de varios futbolistas celebrando un gol.