O Teucro fortalece o vínculo cos seus patrocinadores

Pontevedra
29 de novembro 2018

O club pontevedrés presentou este mércores o proxecto "Ideas & Empresa", que pretende facilitar interaccións e sinerxias entre as empresas que o apoian en busca dun crecemento conxunto. Ao acto acudiron representantes de patrocinadores privados e públicos

Presentación do proxecto 'Ideas & Empresa' da SD Teucro Mónica Patxot

"Ideas & Empresa". Así se bautizou o proxecto que a Sociedad Deportiva Teucro acaba de poñer en marcha e co que busca aumentar a fidelización dos seus patrocinadores.

Trátase dunha plataforma que pretende facilitar as sinerxias e interaccións entre as empresas e administracións que apoian ao club pontevedrés co obxectivo de favorecer as oportunidades de negocio e fomentar o crecemento, tanto da entodade como das empresas que lle acompañan no camiño.

Ao acto, celebrado na Sala Nemonon de Pontevedra, estaban convidados os aproximadamente 40 apoios do Teucro, a maioría empresas privadas pero tamén entidades colaboradoras e organismos e administracións públicas.

Entre os apoios institucionais, estaban representadas as tres institucións públicas coa Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez, o deputado provincial Carlos López Font e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.

CONVOCATORIA DE ELECCIÓNS

Noutra orde de cousas, o Teucro convocou para o vindeiro luns 3 de decembro unha asemblea extraordinaria para concretar as próximas eleccións á presidencia da entidade.

O encontro de socios terá lugar no salón de actos da residencia de estudantes de Afundación (20:00 horas primeira convocatoria e 20:30 horas en segunda) con dous únicos puntos na orde do día, a aprobación do regulamento electoral e a aprobación do calendario do proceso.