A Sociedad Deportiva Teucro recorreu ao mercado internacional para pechar o primeiro reforzo para a tempada do seu regreso á máxima categoría.
O club pontevedrés anunciou a contratación do italiano Giuseppe Colasuonno, que asina por unha tempada con opción a unha segunda.
Colasuonno é un pivote de 22 anos que chega procedente do Albatro Siracusa do seu país, tras un paso pola liga francesa. No país veciño militou no US Cretéil, ao que chegou con só 18 anos e co que ascendeu á LNH, primeira división de Francia. Con todo, con poucas oportunidades, acabou fichando polo Belfort Handball, club co que disputou a fase de ascenso á Proligue.
Caracterízase por ser un xogador de grande envergadura, grazas aos seus 1,97 metros de altura e 106 quilos de peso, o que lle converte en "un pivote completo que nos pode achegar tanto en ataque como en defensa", sinalou o que será o seu novo adestrador Quique Domínguez.
Giuseppe Colasuonno cubrirá a vacante deixada no plantel por Samu Gómez, que despois de dúas tempadas en Pontevedra non seguirá defendendo a camiseta teucrista.