O TM Monte Porreiro asegura un ano máis a súa permanencia na Superdivisión Masculina

Pontevedra
07 de febreiro 2022

A pesar de que o cadro pontevedrés, castigado polos problemas físicos, só puido asinar un empate en Barcelona na súa visita ao L'Escala, o punto permítelle certificar a súa salvación matemática na máxima categoría nacional e a súa presenza no play- off polo título de liga

Miguel Ángel Vílchez no encontro de Superdivisión masculina entre o TM Monte Porreiro e o San Sebastián de los Reyes
Miguel Ángel Vílchez no encontro de Superdivisión masculina entre o TM Monte Porreiro e o San Sebastián de los Reyes / Cristina Saiz

A falta dunha xornada para a conclusión da primeira fase da liga na Superdivisión Masculina de tenis de mesa, o Monte Porreiro certificou a súa salvación matemática na máxima categoría.

Os pupilos de Nando Álvarez selaron a súa permanencia nunha xornada agridoce, xa que os problemas físicos penalizaron o seu rendemento na visita á pista do L'Escala barcelonés.

En Cataluña os pontevedreses só puideron conseguir un empate (3-3), tras ver como o seu xogador Miguel Vílchez resentíase dunha lesión no xeonllo cando gañaba por 2-0 a Iker González, perdendo o seu partido.

Pola súa banda no punto decisivo e con 2-3 a favor do Monte Porreiro, Nico Galvano tívose que retirar dando o definitivo 3-3 aos locais.

A pesar de non poder rematar un enfrontamento que tiña de cara, a permanencia un ano máis na Superdivisión supón todo un éxito para o club, que ademais se verá premiado coa disputa do play- off polo título de liga. Aí, sen presión polos resultados, todo o que chegue será benvido e celebrado ao grande nunha tempada xa de seu histórica polo debut do equipo en competición europea.