O Waterpolo Pontevedra, sen piscina para competir en Nacional: "Hai máis posibilidades de seguir en Marín que de xogar na Olímpica"

Pontevedra
08 de agosto 2023

"Somos o Waterpolo Pontevedra e gustaríanos xogar en Pontevedra", asegura a entidade deportiva, que se prepara para afrontar a súa segunda tempada na Liga Nacional de Primeira División Feminina. Solicitou xogar os seus partidos como local no Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponche Muíños pero "a Fundación dinos que dispoñer de dous sábados ao mes é complicado"

Partido entre Waterpolo Pontevedra e CN Molins
Partido entre Waterpolo Pontevedra e CN Molins / Cristina Saiz

O equipo feminino do Club Waterpolo Pontevedra xa coñece cal será o seu camiño na que será a súa segunda tempada consecutiva militando na Liga Nacional de Primeira División. O que aínda non sabe é onde poderá competir.

Coa reapertura do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños para deportistas federados e clubs a entidade pontevedresa confiaba en poder regresar á instalación, polo menos no que respecta a o seu principal equipo, pero a situación complicouse.

"Somos o Waterpolo Pontevedra e gustaríanos xogar en Pontevedra", asegura o presidente do club, José Tellería, pero a pesar das súas intencións "hai máis posibilidades de seguir en Marín que de xogar na Olímpica", explica.

A entidade cursou petición á Fundación Rías do Sur para disputar alí os seus partidos como local, pero "dispoñer de dous sábados ao mes dinnos que é complicado", sinala o dirixente.

"A Fundación dábanos como solución xogar os domingos á mañá, pero iso é inviable", afirma Tellería ao supoñer esa data que os equipos visitantes teñan que facer noite na cidade multiplicando os custos de competición a un límite difícil de asumir no seu deporte.

Ante esta situación, e para asegurar piscina na que competir, o Waterpolo Pontevedra volveuse a dirixir á Escola Naval Militar de Marín, sede a pasada campaña dos seus partidos e á que están "moi agradecidos" pola súa colaboración.

A principios de setembro deben ter fixada a súa sede, polo que "o primeiro sitio en pecharse será onde imos xogar". Cousa distinta serán os equipos que compiten en Liga Galega, e que salvo sorpresa seguirán xogando os seus encontros como local no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

DEFINIDO O CALENDARIO DA PRIMEIRA FASE DE LIGA

O que si ten xa claro o Waterpolo Pontevedra é o que lle espera na súa segunda campaña en categoría nacional, tras desvelarse o calendario provisional da primeira fase de competición.

A liga no Grupo B constará de 14 xornadas (8 equipos no grupo) dando comezo para as pontevedresas o 7 de outubro cunha estrea na casa, recibindo o CW Dos Hermanas andaluz.

Ao termo desta fase os catro primeiros clasificados xogarán polo ascenso e os catro últimos por eludir o descenso, principal obxectivo do club.

Coñecida a folla de ruta, a pretempada prevese iniciar o próximo 21 de agosto.