Oitavo posto para Adrián Barros, do Supermercados Froiz, na crono sub 23 do campionato de España

Pontevedra
21 de agosto 2020

En categoría elite, o alimenticio Marcos Jurado asinou un quinto posto, mentres que o arousán Gustavo Veloso acabou décimo

Adrián Barros, ciclista galego do Supermercados Froiz, foi oitavo na contrarreloxo sub 23 do campionato de España Federación Galega de Ciclismo

A selección de Galicia comezou este venres o campionato de España de estrada en Xaén contando cun representante entre os dez mellores da proba contrarreloxo sub 23 coa que se iniciou o campionato. O corredor vigués do Supermercados Froiz, Adrián Barros, asinou o oitavo posto. O gañador foi o madrileño Raúl García. Mentres que na categoría elite, o seu compañeiro de equipo, Marcos Jurado, acabou en quinta posición.

Adrián Barros quedouse só a 38 segundos da medalla de bronce e a minuto e medio do ouro nun esixente percorrido de 26.3 quilómetros con saída en Cazolra e chegada en La Iruela. A actuación do combinado autonómico nesta categoría completouse co vixésimo segundo posto obtido por Iván Feijoo.

Por segundo ano consecutivo, o corredor alimenticio logra coarse entre os dez mellores do ciclismo español. No 2019 quedara sexto na proba en liña.

Na categoría UCI-Elite masculina participou o arousán Gustavo César Veloso, que acabou en décima posición, mentres que o prometedor excorredor do Froiz, Martín Bouzas, tivo que conformarse co vixésimo terceiro posto. No cadro feminino, a mellor galega foi a moañesa Sonia Parente ao asinar o vixésimo sexto mellor tempo.

A competición retómase este sábado coa disputa da proba en liña de categoría sub 23. A feminina será pola mañá e a masculina, pola tarde. O domingo, ás nove horas darase a saída á proba masculina de categoría UCI-Elite.