Os campións mundiais do ITU Multisport de Pontevedra manterán o seu título ata 2021

Pontevedra
29 de maio 2020

O Comité Executivo da Federación Internacional de Tríatlon (ITU) decidiu pospoñer os próximos Campionatos do Mundo Multideporte que se ían a celebrar este ano en Almere, Países Baixos, ata setembro de 2021, polo que os campións en Pontevedra manterán a súa condición polo menos ata esa data 

Pablo Dapena e Javi Gómez Noya no Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia en Pontevedra Xan Xiadas

Pasou máis dun ano, pero na memoria colectiva da cidade segue aínda moi presente todo o que supuxo a celebración dos campionatos do Mundo ITU  Multisport, os mundiais de dúatlon, tríatlon cros, tríatlon de longa distancia, acuatlón e aquabike.

Case 4.000 deportistas chegados de 54 países convertieon a Pontevedra no centro de atención do deporte internacional ao longo dunha semana de competición, xornadas nas disputáronse os diferentes mundiais tanto para a categoría elite como para as  sub-23 ou grupos de idade.

Agora os medallistas e campións daquela cita tan especial, como foron Javi Gómez Noya e Pablo Dapena co ouro e prata no tríatlon de longa distancia elite, ou en grupos de idade os pontevedreses Cristian Fernández e o incombustible Manuel Cruces en acuatlón ou Manuel Ojea e Aida García en dúatlon, poderán presumir un ano máis da súa condición vixente de campións ou subcampións do mundo.

Trátase dun tecnicismo debido á decisión que tomou esta semana o Comité Executivo da Federación Internacional de Tríatlon (ITU) de pospoñer os próximos Campionatos do Mundo Multideporte que se ían a celebrar este ano en Almere, en Países Baixos, e que pasarán a celebrarse do 4 ao 13 de setembro de 2021.

Desta forma, polo menos ata esa data, os campións en Pontevedra manterán o seu título vixente.

A decisión da ITU afecta ademais ás seguintes edicións do Multisport, que tamén se atrasan un ano con respecto á data prevista inicialmente. É o caso dos mundiais multideporte de Townsville (Australia) que pasan a 2022 e de Eivissa, en España, agora fixados para o ano 2023.

A presidenta da ITU e membro do Comité Olímpico Internacional, Marisol Casado, explicou ao  repecto que "non foi unha decisión fácil de tomar para ningún de nós, pero tendo en conta a situación dos deportistas de todo o mundo, moitos deles con acceso insuficiente ao adestramento debido ao confinamento e con restricións de viaxe que aínda se aplican a moitos países, acordamos que a mellor opción para todos era trasladar os eventos durante todo un ano".

O Mundial de tríatlon de longa distancia era un dos grandes obxectivos do ano para o pontevedrés Pablo Dapena, medallista (ouro e prata) nas dúas últimas edicións. Tamén o Mundial Ironman 70.3 de Taupo, en Nova Zelandia. Con ambas as citas pospostas, o 2020 queda sen grandes retos no horizonte para unha das grandes figuras do deporte local.