Os equipos da Gimnástica xogarán a permanencia en Elxe e Valencia

Pontevedra
06 de xuño 2018

A Real Federación Española de Atletismo deu a coñecer este mércores a sede da última xornada das ligas de División de Honra e Primeira División, na que os equipos masculino e feminino do club pontevedrés buscarán manterse nas súas respectivas categorías

Equipo feminino da Sociedad Gimnástica Sociedad Gimnástica

A Sociedad Gimnástica xa coñece cal é o seu camiño cara á permanencia na División de Honra Masculina e na Primeira División Feminina, onde compiten os seus equipos.

A Real Federación Española de Atletismo fixo públicas as sedes da xornada final das ligas nacionais, onde se decidirán título, descenso e ascensos.

A Elxe viaxará o conxunto masculino do club pontevedrés para disputar a final pola permanencia na División de Honra, tras senllos terceiros postos no seu grupo nas xornadas precedentes.

A Ximnástica chega á cita con 4 puntos no seu haber, polo que partirá con certa vantaxe sobre ISS - L'Hospitalet, Unicaja Atletismo, CA Elche e Universidad Oviedo, todos eles con 2 puntos por ser últimos nos primeiros enfrontamentos da competición. Completan a final o Cueva de Nerja-UMA  (4 puntos), Grupompleo Pamplona (4 puntos) e AA Catalunya (5 puntos).

En canto ao equipo feminino, o seu destino na final pola permanencia na Primeira División Nacional será Valencia, cita á que chegará con só 3 puntos tras un terceiro e un cuarto posto nas primeiras xornadas.

As pontevedresas iniciarán a competición cun punto de vantaxe sobre CEA Tenerife 1984 e JA Sabadell, pero deberán empregarse a fondo. Con 3 puntos chegan ao último enfrontamento Hinaco Monzón, CA Torrent e UCAM-Cartagena, con 4 puntos o CA Silla e con 5 puntos o Oviedo Atletismo.

En ambos os dous casos as xornadas pola permanencia disputaranse o vindeiro sábado 16 de xuño en horario de tarde e co formato dun atleta por proba. Os dous últimos clasificados de cada unha das ligas descenderán de categoría.