O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra está en alerta tras detectarse por primeira vez positivos por Covid-19 entre os atletas bolseiros.
Trátase en concreto de dous contaxios detectados nunha nadadora do equipo de tecnificación da súa disciplina e nun deportista do equipo de rendemento de loita olímpica.
"Temos a todos os nadadores de tecnificación illados, que son 10 en total, e os de rendemento de loita que foron a Sierra Nevada", confirma o director do CGTD, Suso López. Entre estes últimos atópanse dous deportistas que preparan o seu asalto aos Xogos de Tokyo como son os pontevedreses Lydia Pérez Touriño e Pablo García.
O primeiro caso, na disciplina de natación, detectouse o pasado mércores 7 de outubro, o que provocou o confinamento inmediato de toda a sección (tecnificación e rendemento) e tamén dos deportistas próximos na aula de estudos. "Ao final confinamos 22 persoas dunha tacada", sinala o responsable do centro.
Nese momento púxose en marcha un cribado entre os 127 deportistas bolseiros que estes días atópanse no CGTD, ademais de técnicos e persoal, detectándose un segundo caso nas probas realizadas aos loitadores tras participar nunha concentración nacional en Sierra Nevada.
Cabe destacar que ademais do cribado, os deportistas sométense a probas serolóxicas cada dúas semanas, segundo o protocolo da Secretaría Xeral para o Deporte, e tamén pasan probas antes ou despois de acudir a algunha concentración ou competición.
Os afectados atópanse confinados nos seus respectivos domicilios, estando previsto que o vindeiro venres día 16 Sanidade lles someta a novos controis. No caso de ser negativos "o domingo incorporaríanse" co inicio da nova semana.