Os mozos do Froiz reivindícanse en Toledo

Pontevedra
13 de maio 2024

O conxunto pontevedrés logrou o triunfo por equipos no Trofeo Olías Industrial, en Toledo, antes de afrontar as dúas carreiras da Copa de España Elite e Sub-23 que se disputarán en Galicia

Equipo do Froiz no Trofeo Olías Industrial en Toledo Grupo Deportivo Supermercados Froiz

Achéganse as carreiras importantes da tempada en Galicia e o Grupo Deportivo Supermercados Froiz busca chegar no seu mellor momento para brillar na casa.

Así o demostraron a fin de semana os máis novos do equipo, co seu papel no Trofeo Olías Industrial disputado en Toledo.

Os ciclistas do equipo pontevedrés pelexaron polo triunfo, cun intento en solitario a 6 quilómetros de meta de Jorge García, sendo denutralizado polo grupo 3 quilómetros despois.

Ao final a carreira decidiuse ao sprint con Rubén Fandiño na quinta posición final, Adrián Garbajosa no décimo posto e Carlos Rodríguez no 13º, uns resultados que lle deron ao Froiz o triunfo na clasificación por equipos.

Os próximos retos do equipo alimenticio serán agora as carreiras da Copa de España Elite e Sub-23 que se disputarán en Galicia, o 18 de maio en Padrón e o día 19 en Vigo.