Os peñistas de Fondo Norte, todos a un tempo

Pontevedra
24 de xaneiro 2017

A Agrupación Norte 1941, que organizou o pasado domingo a festa granate previa ao Pontevedra-Racinga>, presentouse oficialmente co obxectivo de incentivar a asistencia ao estadio e "dar pulos ao Pontevedra, tanto en Pasarón coma noutros campos, e que o equipo non se vexa so" 

Presentación da agrupación de peñas Norte 1941 Mónica Patxot

As peñas do Pontevedra están cansadas de ver que a asistencia de afeccionados a Pasarón "está a caer en picado". Por ese motivo, co obxectivo de incentivar a asistencia ao estadio e promover o seguimento ao equipo granate creouse Norte 1941.

Esta agrupación nace da unión de esforzos das peñas que habitualmente se sitúan no Fondo Norte de Pasarón, que non perden a súa identidade individual pero decidiron traballar todos a un tempo.

"Queremos un Fondo Norte que ruxa cada xornada coma nos grandes días de fases de ascenso, e queremos que as peñas do Pontevedra sigan crecendo", sinalou na presentación oficial de Norte 1941 un dos seus portavoces, Álex Corredoira.

Os peñistas deixan atrás as antigas asociacións e federacións pensando unicamente en "dar pulos ao Pontevedra, tanto en Pasarón coma noutros campos, e que o equipo non se vexa so", explicaron.

A pesar de crer que "a nivel social por parte da entidade granate podíase facer moito máis", recoñeceu Corredoira, xa mantiveron un par de reunións co club e aseguran que a relación está "en proceso de mellora".

De momento na súa escasa andaina a súa primeira iniciativa, a festa granate previa ao Pontevedra-Racing, resultou un éxito, polo que xa pensan en repetir experiencia e probar con novas ideas. Todo para financiar actividades de animación, custear o material e poder afrontar viaxes para acompañar ao equipo.