Os socios do Leis apoian a continuidade de José Antonio Nieto na presidencia

Pontevedra
21 de novembro 2014

O presidente di non ter recibido notificación da denuncia interposta por Jacobo Estors e varias xogadoras do equipo feminino, ao tempo que anuncia medidas legais para defenderse: "cuando llegue esa denuncia expondré mi defensa, pero lo que me están haciendo no es de recibo"

Asemblea do Leis 26 FS
Asemblea do Leis 26 FS / Mónica Patxot

José Antonio Nieto seguirá polo momento á fronte do Leis 26 Fútbol Sala, e con el unha nova directiva composta por David Barreiro, Xurxo Martínez, Sergio García e Manu Cossío.

Así o decidiron os socios, con 46 votos a favor e 5 abstencións, nunha asemblea extraordinaria celebrada na Residencia de Estudantes de Afundación.

Nesta déronse explicacións sobre os asuntos espiñentos que saíron á luz recentemente, como o cesamento de catro directivos da entidade ou a denuncia presentada polo ex-adestrador do equipo feminino, Jacobo Estors, e varias futbolistas por un suposto trato atentatorio contra a súa dignidade persoal e integridade moral.

A este respecto José Antonio Nieto recoñeceu non ter recibido notificación oficial ningunha, ao tempo que anunciou que se reserva as medidas legais oportunas para defender a súa imaxe: "a día de hoy no tengo nada, cuando llegue la denuncia expondré mi defensa, pero lo que están haciendo no es de recibo para nadie", manifestou o dirixente.

Nieto apuntou cara aos directivos cesados como responsables dunha campaña na súa contra e recoñeceu que "lo más fácil hubiese sido marcharmen en agosto, pero voy a continuar".

En canto ao cesamento de Manuel Piñón, José Guimeráns, Ramón López e Juan Pedro Sanz, a nova directiva explicou que os desencontros se remontan ao pasado verán, en plena negociación para a fusión co Marcón FS e, entre outras cousas, a causa da refinanción da débeda do club.

José Antonio Nieto: "Si dimito no pasa nada y si sigo, adelante con la denuncia, pues adelante"

Toda esta situación, segundo os dirixentes, desembocou nun burofax dos catro directivos saíntes esixindo a dimisión de Nieto, un acto que cualificou de "chantaje" e que foi contestado co cesamento só un día despois: "si dimito no pasa nada y si sigo, adelante con la denuncia, pues adelante", declarou ante os socios, entre os que se encontraban pais, adestradores e xogadores.

Ademais a nova cúpula do Leis denunciou non ter no seu poder toda a documentación do club e acceso a algunhas contas bancarias.

Tamén se revelaron algúns números, como o recoñecemento de aproximadamente 87.000 euros de débeda, sen contar as cantidades denunciadas por algúns ex-futbolistas e que se descoñecen. Esa débeda, segundo aseguraron, chegou a ser de preto de 650.000 euros cando José Antonio Esperón abandonou o club no ano 2008.