O Leis defende que dará a baixa ás futbolistas apartadas cando "realicen a devolución do material propiedade do club"

Pontevedra
10 de abril 2015

Así o defende a entidade pontevedresa nun comunicado enviado aos medios de comunicación. Asegura que o pasado 8 de abril se citou as xogadoras para realizar "os trámites oportunos para ultimar a baixa federativa". As futbolistas reclaman cantidades pendentes relativas aos desprazamentos

José Antonio Nieto (centro) preside a asemblea de socios do Leis con David Barreiro en primeiro termo
José Antonio Nieto (centro) preside a asemblea de socios do Leis con David Barreiro en primeiro termo / Mónica Patxot

Lonxe de pecharse, o enfrontamento aberto entre o Leis Pontevedra e as xogadoras apartadas, entre elas as tres que denunciaron ao presidente da entidade, segue o seu curso.

Mediante un comunicado remitido aos medios de comunicación, o club pontevedrés saíu ao paso das declaracións que as denunciantes realizaron o pasado luns, nas que aseguraron estar a esperar polo pronunciamento sobre o recurso xudicial presentado e tamén pola baixa federativa, posto que seguen pertencendo ao Leis e iso lles impide fichar por outro equipo.

Entenden dende o Leis que as futbolistas "sancionadas polo club ao ter sido declaradas en rebeldía por non acudir aos adestramentos", recibirán a baixa se devolven o material que pertence ao club "sen máis condicións pola nosa banda, quedando definitivamente libres e desvinculadas do Leis Pontevedra F.S. se é o que verdadeiramente ansían".

Dentro do desencontro as xogadoras reclaman para devolver a equipación a compensación económica pendente polos desprazamentos realizados a principio de tempada, cantidades que o Leis "entendía compensadas coa parte proporcional do custo da ficha asumida polo club por cada unha das xogadoras", explica no comunicado.

Ademais a entidade preisidida por José Antonio Nieto explica que citou ás implicadas o pasado mércores 8 de abril na sede do club coa intención de realizar "os trámites oportunos para ultimar a baixa federativa das xogadoras", presentándose só unha delas e os pais doutras dúas, segundo a versión do Leis.

Unha vez alí a falta de acordo nas condicións económicas imposibilitou chegar a un punto de encontro.