Óscar Graña e Ramón Ferro agrandan a súa lenda co seu décimo título nacional de piragüismo maratón

Pontevedra
22 de maio 2017

Os pontevedreses impuxéronse en Alange (Badaxoz) no C-2 e gáñanse o pase a Europeo e Mundial xunto ao grovenses Tono Campos e José Manuel Sánchez, segundos. Álvaro Fernández Fiuza tamén logrou o billete internacional en K-2 xunto ao seu compañeiro Walter Bouzán

Óscar Graña e Ramón Ferro, no alto do podio do Nacional de Maratón en Alange
Óscar Graña e Ramón Ferro, no alto do podio do Nacional de Maratón en Alange

Non cansan de gañar medallas. O pontevedrés Óscar Graña e o arousán Ramón Ferro (Kayak Tudense), seguen ampliando o seu xa extenso palmarés deportivo despois de proclamarse, por décima vez na súa carreira deportiva, campións de España de Piragüismo Maratón en C-2.

Fixérono na competición celebrada esta fin de semana en Alange (Badaxoz), co premio de lograr a súa clasificación para os próximos Campionatos de Europa e do Mundo da especialidade.

Graña e Ferro impuxéronse en meta tras unha dura pugna cos que son os seus grandes rivais nos últimos anos, os grovenses Tono Campos e José Manuel Sánchez (Breogán), que lograron tamén o billete para Europeo e Mundial e aos que avantaxaron en só 5 segundos despois de máis de dúas horas de regata. Terceiros foron Miguel Fernández e Adrián Fernández (Breogán).

Outro dos protagonistas da xornada nas probas dobres foi o pontevedrés Álvaro Fernández Fiuza no K-2 xunto ao seu compañeiro Walter Bouzán. Ao non ser do mesmo club non computaron para o Campionato de España, pero si lograron a súa clasificación internacional ao ser primeiros na clasificación.

No K-2 a sorpresa da xornada protagonizárona Iván Alonso e Diego Piña (Kayak Tudense), actuais campións de Europa e que non poderán loitar por revalidar o seu título despois de levar no Nacional a medalla de prata (terceiros en meta).

Tamén se proclamaron campións de España na segunda xornada da competición David Mochales e Carlos Canón (Illa de Arousa) na categoría C-2 Junior.