Tono Campos e José Manuel Sánchez revalidan o seu título de campións europeos de piragüismo maratón

Pontevedra
02 de xullo 2017

O padexeiros do Breogán do Grove impuxéronse na proba do C-2 do Campionato de Europa de Piragüismo Maratón celebrado en Portugal, con Óscar Graña e Ramón Ferro na terceira posición. Álvaro Fernández Fiuza, prata no K-2

Podio do C-2 no Europeo de Piragüismo Maratón en Portugal
Podio do C-2 no Europeo de Piragüismo Maratón en Portugal / RFEP

O Campionato de Europa de Piragüismo Maratón celebrado na localidade portuguesa de Ponte de Lima pechouse este domingo con tres medallas para a delegación pontevedresa.

A máis importante, a de ouro, foi para Tono Campos e José Manue Sánchez (Breogán do Grove) no C-2, revalindo o título que conseguiron hai un ano en Pontevedra,

É a segunda medalla da competición para Tono Campos, tras a prata na canoa individual, despois dun man a man co húngaros Marton Kover e Adam Docze. Ambas as embarcacións lideraron a proba desde o inicio sen dar opcións ao resto de rivais.

Non puideron estar na cabeza o pontevedrés Óscar Graña e o arousán Ramón Ferro (Kayak Tudense) polos problemas ocasionados por un choque coa embarcación checa, que lles fixo saltarse a primeira aboia e realizar un traxecto extra para volver pasar polo lugar correcto.

Todo se decidiu nos últimos metros, levándose o ouro Campos e Sánchez por diante dos húngaros, mentres Óscar Graña e Ramón Ferro entraba máis afastados na terceira posición para facerse co bronce nunha dura loita cos polacos Mateusz Borgiel e Patryk Gluza.

Tamén houbo medalla no K-2 para o pontevedrés Álvaro Fernández Fiuza no K-2, despois dunha gran remontada para conseguir a prata, pero penalizados polos problemas do seu compañeiro, o asturiano Walter Bouzán ao romper a pa preto dun porteo e ter que continuar sen estar en óptimas condicións. Aínda así se repuxeron e enlazaron co trío de cabeza e quedaron a só dous segundos do ouro dos húngaros Adrián Boros e Laszlo Solti.