Dúas medallas sumou o piragüismo pontevedrés este sábado no Campionato de Europa de Piragüismo Maratón que se está celebrando na localidade portuguesa de Ponte da Lima.
A primeira delas foi para Jenifer Casal (EP Ciudad de Pontevedra) ao lograr o bronce na proba de C-1 por detrás da ucraína Liudmyla Babak e a húngara Fruzsina Miskolczy, nunha regata dominada pola deportista de Ucraína durante todo o percorrido. Jenifer desde o inicio da proba mantívose en terceira posición, regulando as súas forzas para conservar a praza de podio, mentres Lara Outón (Breogán) foi sexta.
Tamén no C-1, pero masculino, chegou a outra medalla nun dos duelos máis esperados, o de Tono Campos co húngaro Márton Kövér. Se o pasado ano no Europeo celebrado en Pontevedra foi Campos o vencedor, nesta ocasión o padexeiro do Breogán non puido defender o seu título continental e tívose que conformar coa medalla de prata.
Ambos os dous canoístas lideraron a regata de principio a fin dándose remudas para que non puidesen alcanzalos os seus perseguidores durante os case 30 quilómetros de percorrido, deixando a disputa da vitoria para uns emocionantes metros finais. O tudense Manuel Garrido completou o podio da categoría.
Na categoría sub-23, celebrada o venres, quedou ademais preto das medallas o pontevedrés Damián González (Piragüismo Verducido), foi quinto no C-1 a só 4 segundos do podio.
O Campionato de Europa péchase este domingo coas probas senior de embarcacións dobres, nas que son favoritos Óscar Graña e Ramón Ferro xunto a Tono Campos e José Manuel Sánchez en canoa e tamén Álvaro Fernández Fiuza no kaiak.