Ouro continental para Tono Campos e bronce para Raquel Rodríguez nunha espléndida xornada de piragüismo

Pontevedra
02 de xullo 2016

A primeira xornada da competición sénior no Europeo de Piragüismo Maratón que se está celebrando no río Lérez deixou dúas medallas para padexeiros pontevedreses desatando o xúbilo na afección local

Xornada de sábado no Europeo de Piragüismo Maratón Diego Torrado

Primeiro ouro para un deportista pontevedrés no Campionato de Europa de Piragüismo Maratón que se está celebrando no río Lérez.

Conseguiuno Tono Campos (Breogán do Grove) no C-1, tras unha emocionante pugna co húngaro Márton Kövér, ao que venceu nun apertado final.

"Foi unha carreira moi táctica desde o principio, porque ía na cabeza cos dous húngaros e estaban a facer xogo de equipo. Cando conseguín soltar a un deles no primeiro porteo, o outro non me quería relevar e tiven que xogarma eu só", sinalou o flamante campión de Europa tras a proba.

A dureza da carreira, en especial por causa do vento, notouse nos metros finais, nos que o dúo de cabeza xogouse todo ao sprint. Ao final Tono entrou en meta cun tempo de 2 horas, 8 minutos e 33 segundos, con só un segundo de vantaxe sobre o húngaro. Terceiro foi o portugués Nuno Barros a case dous minutos.

"Gañar na casa é un plus, estou moi contento. Tiña a vantaxe de competir aquí e ter a afección do meu lado, que sempre che empuxa e dáche máis forzas", completou o padexeiro do Breogán, que aspira a unha nova medalla no C-2 e colle moral para o próximo Campionato do Mundo de Brandemburgo.

A outra medalla da xornada foi para a pontevedresa Raquel Rodríguez, tamén no C-1. A deportista da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra colgouse o bronce ao ser terceira na súa categoría nunha carreira na que "nas dúas primeiras voltas fun bastante forte, tentando coller á francesa, e logo pagueino e custoume acabar", sinalou.

A veterana padexeira emocionouse co ambiente e o apoio recibido, asegurando que "no primeiro porteo, ao ver as bancadas que parecía que se ían a vir abaixo, ata me entraron ganas de chorar".

Finalmente Raquel acabou nun tempo de 1:59:29, a case dous minutos da francesa Pauline Martin. A vencedora con absoluta autoridade foi a alemá Cathrin Duerr. 

En canto ao kaiak individual, destacou o resultado do zamorano Emilio Merchán, medalla de prata no K-1 co tudense Iván Alonso entrando no cuarto lugar.

O domingo, última xornada do europeo coas probas de barcos dobres en categoría senior.