Pablo Dapena e Sonia Pariente triunfan no primeiro 113 Swim Ride Run

Sanxenxo
08 de maio 2016

Sanxenxo acolleu unha competición que serviu ademais de Campionato Galego de Tríatlon de Media Distancia. Participaron máis dun cento de triatletas nunha carreira que dominaron con claridade Dapena en categoría masculina e Pariente na feminina

Primeiro tríatlon 113 Swim Ride Run de Sanxenxo
Primeiro tríatlon 113 Swim Ride Run de Sanxenxo / Diego Torrado

Sanxenxo estreouse con éxito no tríatlon de media distancia coa disputa este domingo do primeiro 113 Swim Ride Run.

Máis dun cento de triatletas déronse cita na praia de Silgar á primeira hora da mañá para afrontar unha competición que supoñía ademais o Campionato Galego desta modalidade.

Pablo Dapena, no seu debut na distancia, dominou a carreira de principio a fin para facerse co triunfo na categoría masculina despois de 4 horas, 7 minutos e 43 segundos de esforzo. Segundo foi Cristóbal Dios (4:23:52) e terceiro Iñaki Pena-Manso (4:28:28).

Na categoría feminina o guión foi similar cunha dominadora, Sonia Pariente, que finalizou primeira cun tempo de 4 horas, 51 minutos e 30 segundos. Completaron o podio María Remedios Carrasco (5:05:23) e María Jesús Coya (5:09:28).

Os deportistas afrontaron un percorrido de 1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21 de carreira a pé.