Pablo García e Lydia Pérez preparan o Europeo Absoluto de loitas olímpicas

Pontevedra
13 de marzo 2019

Os dous deportistas do Club de Loita Pontevedra foron citados a unha concentración co equipo nacional na que prepararán a súa participación no Europeo que terá lugar a principios de abril en Romanía

Lydia Pérez, no Europeo Sub-23 de loitas olímpicas Federación Galega de Loitas Olímpicas

Dous deportistas do Club de Loita Pontevedra foron chamados a participar nunha concentración do equipo nacional de loitas olímpicas para preparar o Campionato de Europa Absoluto que se celebrará a principios de abril en Bucarest, Romanía.

Trátase de Pablo García (-74 quilos) e de Lydia Pérez (-62 quilos), esta tras participar recentemente no Europeo de categoría Sub-23, no que non puido alcanzar as roldas finais finalizando na quinta posición do seu peso.

Ambos os dous tomarán parte nas xornadas de adestramento previstas polos técnicos nacionais entre o 18 e o 22 de marzo no Centro de Alto Rendemento de Madrid.

Tamén estarán presentes outros dous loitadores galegos, como son Nerea Pampín (-65 quilos) do Club Keltoi de Vila de Cruces e Carlos Yobani (-65 quilos) do Club de Loitas Olímpicas de Vilalba.

O Campionato de Europa Absoluto é unha competición marcada en vermello no calendario da tempada, xa que un bo papel en Romanía pode supoñer a clasificación para o Mundial que se celebrará en setembro en Kazajistán, torneo que será o primeiro de carácter clasificatorio para os Xogos Olímpicos de Tokyo 2020.