Pedro Merino di adeus á tempada e deixa coxo ao Froiz

Pontevedra
16 de agosto 2016

O ciclista pasou revista co médico tras a súa dura caída na Vuelta a Toledo e as noticias non foron positivas. Estará en repouso absoluto un mes polo que se perde a Volta a Galicia e o que queda de tempada 

Pedro Merino durante unha competición en Portugal GD Supermercados Froiz

Duro golpe para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, que perde a un dos líderes do equipo, Pedro Merino, polo que resta de tempada.

O ciclista desprazouse a Pontevedra para pasar revista no Hospital Domínguez tras a dura caída sufrida na recente Vuelta a Toledo, e as noticias non foron as esperadas.

O doutor Barragáns aconselloulle "repouso absoluto de tres a catro semanas" para recuperarse da lesión que sofre no xeonllo, segundo informa o equipo ciclista.

Este diagnóstico aparta a Merino dun dos principais obxectivos do Froiz esta tempada, a inminente Volta a Galicia na que ía ser un dos líderes do equipo.

As caídas están a ser a cruz do Froiz durante toda esta tempada, apartándolles da opción de vencer nalgunhas das carreiras máis importantes do ano, e é que como recoñece o propio equipo non se lembra algo similar "nos 28 anos de historia" da formación.