Pelexado vixésimo primeiro posto de Carmen Gómez no Mundial Junior de tríatlon

Pontevedra
17 de setembro 2016

A triatleta pontevedresa saíu atrasada da auga e non puido entrar no primeiro grupo, no que si estaba a galega Inés Santiago, pero remontou posicións cun bo final na carreira a pé no campionato celebrado na localidade mexicana de Cozumel

Carmen Gómez (dereita) en Cozumel Federación Española de Triatlón

Gran papel do tríatlon galego no Campionato do Mundo Junior celebrado este venres na localidade mexicana de Cozumel.

Alí estaba a pontevedresa Carmen Gómez e a súa compañeira de equipo no Tríatlon Ferrol Inés Santiago, que pelexou polo bronce ata os instantes finais entrando en meta en cuarta posición.

Carmen acabou no posto 21, penalizada polo segmento da natación, do que saíu a 44 segundos da cabeza non podendo integrarse nos grupos principais do tramo ciclista.

Ao chegar á segunda transición a pontevedresa marchaba a dous minutos da líder da carreira, pero non se rendeu e remontou posicións na carreira a pé nun pelexado final, acabando cun tempo de 1:01:55.

A vencedora do campionato, celebrado en distancia sprint, foi a estadounidense Taylor Knibb.