Poio, a un paso de acoller a Copa de España de fútbol sala feminino

Poio
21 de abril 2017

A do Poio Pescamar é a única proposta recibida ata o de agora pola Real Federación Española de Fútbol. A Copa, que amplía o seu formato a oito equipos, disputaríase no mes de xuño no pavillón da Seca

Partido entre Poio Pescamar e Majadahonda na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Majadahonda na Seca / Diego Torrado

Deportivamente o Poio Pescamar está preto de pechar a súa mellor tempada na máxima categoría do fútbol sala feminino nacional, que tras a ampliación a oito equipos da Copa de España pode permitirlle participar por primeira vez neste torneo.

O club vermello quere ademais gozalo na súa casa, o pavillón da Seca, e tras reunirse co Concello e coñecer o apoio da Federación Galega, presentou oficialmente a súa candidatura para organizar o evento.

A direciva pontevedresa xa mostrara noutras ocasións a súa ilusión de ser sede da Copa de España, pero agora está máis preto de converterse en realidade ao ser por agora a única proposta en firme recibida pola Real Federación Española de Fútbol.

Agora só falta que o organismo federativo confirme a Poio como sede antes de que comecen os preparativos dunha competición que promete espectáculo e que se disputaría presumiblemente a segunda fin de semana do mes de xuño cunha fase final a partido único desde os cuartos de final.

A nivel deportivo, ademais de asegurar a clasificación, o Poio Pescamar plantexa como obxectivo ser como mínimo o sexto equipo na liga para evitar no primeiro cruzamento de Copa aos dous cocos da competición, Atlético Navalcarnero e Universidad de Alicante.