Deportivamente o Poio Pescamar está preto de pechar a súa mellor tempada na máxima categoría do fútbol sala feminino nacional, que tras a ampliación a oito equipos da Copa de España pode permitirlle participar por primeira vez neste torneo.
O club vermello quere ademais gozalo na súa casa, o pavillón da Seca, e tras reunirse co Concello e coñecer o apoio da Federación Galega, presentou oficialmente a súa candidatura para organizar o evento.
A direciva pontevedresa xa mostrara noutras ocasións a súa ilusión de ser sede da Copa de España, pero agora está máis preto de converterse en realidade ao ser por agora a única proposta en firme recibida pola Real Federación Española de Fútbol.
Agora só falta que o organismo federativo confirme a Poio como sede antes de que comecen os preparativos dunha competición que promete espectáculo e que se disputaría presumiblemente a segunda fin de semana do mes de xuño cunha fase final a partido único desde os cuartos de final.
A nivel deportivo, ademais de asegurar a clasificación, o Poio Pescamar plantexa como obxectivo ser como mínimo o sexto equipo na liga para evitar no primeiro cruzamento de Copa aos dous cocos da competición, Atlético Navalcarnero e Universidad de Alicante.