Quinta vitoria consecutiva dun Poio Pescamar que vive un dos seus mellores momentos da tempada.
O conxunto conserveiro logrou este sábado un triunfo de moito mérito fronte ao STV Roldán, rival directo na zona alta da táboa co que chegaba empatado a puntos, e asalta a segunda posición da clasificación colocándose con 34, manténdose a tres do liderado.
Foi un duelo disputado con intensidade, e que comezou a desnivelar o Poio Pescamar a base de golazos.
O primeiro chegou no minuto 5, nunha acción de estratexia. Saque de banda sacado en curto e Carolina Pedreira conectaba un potente disparo coa zurda que sorprendía ás gardameta visitante.
Tentaba reaccionar o Roldán, pero o que chegaba no minuto 8 era outro gran gol vermello, nun lanzamento de falta directo executado por Ale de Paz.
E o que son as cousas. Puido chegar o 3-0 local nunha acción de Ale de Paz que se topou coa madeira, iniciándose unha contra que Bárbara converteu no 2-1.
Tocaba seguir remando e as xogadoras adestradas por Luís López-Tulla non só mantiveron a vantaxe, senón que a ampliaron até o 4-1 antes do descanso. Tras rozalo en varias ocasións o premio acabou chegando a dous minutos do intermedio nunha xogada coral do equipo saíndo desde campo propio e definida por Rafa Pato.
A iso sumouse un gol de Débora cun disparo afastado que puña o 4-1 e deixaba encarrilado o partido con 20 minutos por diante.
Co resultado a favor das vermellas, o tempo corría a favor do STV Roldán. Por iso ao non conseguir recortar distancias o adestrador visitante dicía apostar polo xogo de cinco en ataque a 13:50 do final, todo un mundo.
Tentaba poñer en problemas a un sólido Poio Pescamar, que nunha recuperación acabou sentenciando o duelo co 5-1 desde campo propio e a portaría valeira de Martita.
A ferida puido ser mesmo máis grande, por exemplo se Rafa Pato non se topase coa madeira, pero nada impediu que se puidese certificar unha vitoria tan importante para o cadro conserveiro.