Pontevedra, berce de medallistas mundiais

Pontevedra
26 de setembro 2017

O Pazo de Mugartegui acolleu este martes a homenaxe do Concello de Pontevedra aos deportistas da cidade que ao longo de 2017 lograron subir ao podio mundial nos seus respectivos deportes e categorías, cos incombustibles Javier Gómez Noya e Óscar Graña á cabeza

Recepción aos deportistas locais que conseguiron medalla mundialista en 2017 Mónica Patxot

Doce medallas acumula Óscar Graña ao longo da súa extensa carreira deportiva en campionatos do Mundo de piragüismo maratón. A última a conseguida este mesmo mes de setembro en Sudáfrica, cunha prata.

Que dicir do palmarés de Javi Gómez Noya, recente campión do Mundo de tríatlon en distancia Ironman 70.3 e subcampión das Series Mundiais da ITU.

Ambos os dous son uns dos máximos expoñentes do deporte pontevedrés, e por iso encabezaron a merecida homenaxe que o Concello de Pontevedra brindou este martes aos deportistas que ao longo de 2017 lograron subir ao podio nun campionato do Mundo.

"Creo que Pontevedra é unha cidade modelo en moitas cousas, e non deporte tamén", sinalou na súa breve intervención Gómez Noya, todo un mito no seu deporte.

"É un orgullo", recoñeceu á súa vez o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, poder contar na cidade con deportistas deste calibre, pero tamén "cos que están empezando, o que demostra que hai canteira", declarou en relación ás outras tres homenaxeadas.

Porque no Pazo de Mugartegui, lugar escollido para o acto, tamén estaban por méritos propios novos nomes do deporte pontevedrés e nacional, promesas que aos poucos e con moito esforzo vanse convertendo en realidade como Águeda Cons, dobre medallista no mundial junior de natación celebrado en Indianápolis (EEUU), con dous bronces.

A recepción tamén foi para dous mozos piragüistas da EP Ciudad de Pontevedra, Carolina García e Antía Jácome, subcampioas do Mundo junior no campionato celebrado en xullo en Romanía, participando no K-4 500 e o C-2 200 metros respectivamente e que non puideron acudir ao atoparse concentradas en Sevilla, centro de alto rendemento para o piragüismo nacional. No seu lugar recolleu as distincións o seu adestrador Miguel Ángel Villanueva, 'Miki'.