O Pontevedra CF iniciará a tempada 2025-26 en Pasarón fronte ao CP Cacereño

Pontevedra
01 de xullo 2025
Actualizado: 02 de xullo

O conxunto granate tamén pechará a competición como local ante o Real Avilés Industrial o 24 de maio de 2026, segundo o calendario de Primeira Federación presentado en San Juan de la Nava

Primeira xornada da 1ª RFEF 2025-26 RFEF

O Pontevedra Club de Fútbol xa coñece a súa folla de ruta para a tempada 2025-26 en Primeira Federación.

O conxunto granate debutará na xornada do 31 de agosto no Estadio Municipal de Pasarón fronte ao CP Cacereño, segundo se deu a coñecer este martes no acto de presentación do calendario celebrado na localidade abulense de San Juan de la Nava.

O equipo dirixido por Rubén Domínguez pechará tamén a liga en casa, recibindo ao Real Avilés Industrial na xornada 38, que se disputará o 24 de maio de 2026.

En canto ao resto de equipos galegos que compiten na categoría, o Racing Club Ferrol enfrontarase na primeira xornada ao CF Talavera de la Reina; o CD Arenteiro recibirá ao Arenas Club; o RC Celta Fortuna medirase ao Zamora CF; mentres que o Ourense CF terá como rival ao Athletic Club "B". Pola súa banda, o Lugo iniciará a competición fóra de casa ante o Real Madrid Castela.

Outro dos fitos que traerá calendario, entre outros, serán os partidos contra os dous equipos descendidos de Segunda División esta tempada.

O primeiro, xa na xornada 3, será contra o Tenerife en Pasarón (14 de setembro), mentres que o do Racing de Ferrol non chegará ata a xornada 18 (4 de xaneiro), tamén en Pasarón.

A esas alturas os granates xa se medirían as caras cos outros catro equipos galegos, cos que, en primeira volta, xogará fóra.

Será ante o Ourense (xornada 5, 28 de setembro), o Arenteiro (xornada 9, 26 de outubro), o Lugo (xornada 13, 23 de novembro) e a Celta Fortuna (xornada 15, 7 de decembro).

O acto de presentación do calendario contou coa presenza de Rafael Louzán, presidente da Federación Española de Fútbol, quen aproveitou a ocasión para destacar a importancia do fútbol no ámbito rural.

Rafael Louzán durante o acto de presentación do calendarioRFEF

O máximo representante da Federación sinalou que "o rural é vida" e lembrou a necesidade de repoboar as localidades pequenas, onde aínda que non haxa poboación seguen existindo campos de fútbol.

Louzán tamén pediu apoio á selección española feminina ante o inminente inicio do Europeo.

A afección do Pontevedra CF terá a oportunidade de consultar o calendario completo na páxina web da Real Federación Española de Fútbol para organizar os desprazamentos ao longo da tempada.

Acto de presentación do calendario de 1ª RFEFRFEF