Pontevedra e Poio acollerán o Europeo de fútbol gaélico no mes de xullo

Pontevedra
25 de marzo 2022

A competición ía celebrarse en Pontevedra en 2020 antes de ser cancelada pola pandemia, e agora recupérase como evento oficial da GGE (Gaelic Games Europe)

Partido de fútbol gaélico na Xunqueira (imaxe de arquivo)
Partido de fútbol gaélico na Xunqueira (imaxe de arquivo) / Diego Torrado

Entre outras moitas cousas a irrupción da pandemia levou por diante un bo número de eventos deportivos programados na comarca.

Un deles era o Campionato de Europa de Selección de Fútbol Gaélico, nunha modalidade deportiva con raíces en Irlanda pero que se arraigou nos últimos anos con forza por toda Galicia, e que ía acoller Pontevedra.

Agora, dous anos despois, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) anunciou que recupera a organización deste Europeo, que se celebrará finalmente na  Boa Vila pero tamén no municipio veciño de Poio do 14 ao 17 de xullo.

Ademais o evento contará esta vez coa oficialidade da GGE (Gaelic Games Europe) e da Gaelic Athletic Association (GAA), o que supoñerá a participación dun maior número de equipos.

Este Campionato de Europa será o primeiro gran evento do fútbol gaélico europeo tras a celebración do Mundial 2019 en Irlanda.