Entre outras moitas cousas a irrupción da pandemia levou por diante un bo número de eventos deportivos programados na comarca.
Un deles era o Campionato de Europa de Selección de Fútbol Gaélico, nunha modalidade deportiva con raíces en Irlanda pero que se arraigou nos últimos anos con forza por toda Galicia, e que ía acoller Pontevedra.
Agora, dous anos despois, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) anunciou que recupera a organización deste Europeo, que se celebrará finalmente na Boa Vila pero tamén no municipio veciño de Poio do 14 ao 17 de xullo.
Ademais o evento contará esta vez coa oficialidade da GGE (Gaelic Games Europe) e da Gaelic Athletic Association (GAA), o que supoñerá a participación dun maior número de equipos.
Este Campionato de Europa será o primeiro gran evento do fútbol gaélico europeo tras a celebración do Mundial 2019 en Irlanda.