O Pontevedra levantará o céspede de Pasarón: "Cada céntimo que investimos aquí non serviu"

Pontevedra
04 de febreiro 2026
Actualizado: 15:40

"Imos ter que levantar o campo até a drenaxe", confirmou a presidenta da entidade granate, Lupe Murillo, que xa traballa na procura de axuda económica para acometer a operación

Céspede do Estadio Municipal de Pasarón a 4 de febreiro de 2026

A solución ao mal estado do céspede do Estadio Municipal de Pasarón pasa por unha custosa intervención, e o Pontevedra Club de Fútbol falou este mércores por primeira vez dos seus plans respecto diso.

"Imos ter que levantar o campo até a drenaxe, ou incorporar unha drenaxe supletoria á que hai abaixo e metela polo medio, facer unhas novas canalizacións que permitan evacuar a auga". Así explicou a situación a presidenta da entidade granate, Lupe Murillo.

A máxima dirixente do club recoñeceu a súa frustación coa situación do terreo de xogo, sobre todo porque "hai pouco investimos un diñeiro importante que primeiro asumiu o Pontevedra e despois colaboraron as administracións, e é coma se perdésemos cada céntimo de euro que investimos neste campo. A min dóeme porque vexo o que fixemos e vexo que chega ao domingo e se encharca e non serviu para nada", sinalou con contundencia.

"A ver se un enxeñeiro diferente aos que tratan o campo asiduamente nos dá unha solución alternativa para sacar a auga de Pasarón. Porque isto é tirar o diñeiro a min dóeme moito. Cada céntimo que investimos aquí non serviu", insistiu Murillo desde a sala de prensa do estadio.

A presidenta recoñeceu ademais que o seu temor é que "o problema estea nas canalizacións do barrio. Xa empezo a pensar que igual que a parte de abaixo na Xunqueira aláganse as rúas porque non hai capacidade suficiente".

Céspede do Estadio Municipal de Pasarón a 4 de febreiro de 2026Cristina Saiz

Trátase en todo caso dunha operación complexa, que "se pode ir ao millón de euros", asegura Lupe Murillo, e por iso "necesitamos axuda porque o Pontevedra non ten capacidade para asumir un investimento como ese", asegurou.

"Desde xa empezo a facer as chamadas pertinentes para que entendan que a final de tempada teño que ter unha solución, porque aquí no inverno non podemos xogar ao fútbol", defendeu.

De feito a presidenta revelou que xa falou do tema co novo secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e pretende trasladar a situación a Concello e Deputación, e comparou o problema de Pasarón coa intervención que a administración galega acometeu no Couto, en Ourense, queixándose de que "nós mantemos Pasarón, a auga e a luz, o xardineiro tamén, a semente, o abono... E creo que estamos en desigualdade de condicións con outros clubs da mesma categoria en Galicia".

Por último, sobre a renovación do céspede acometida no verán de 2023, Murillo explicou que "tentamos buscar a opción máis económica para as administracións nun momento determinado porque me dixeron que o que pasaba era que a primeira capa de drenaxe era a que tupía todo, así que cambiamos a primeira e estamos igual que estamos, co cal o problema está máis abaixo. A auga non se vai, entón hai que ir máis abaixo, creo que non nos queda outra", resolveu.