Pontevedra quere a fase final do Mundial Junior de balonmán 2019

Pontevedra
23 de abril 2018

Descartada León como sede principal, a competición celebrarase na súa totalidade entre Pontevedra e Vigo, que compartirán a fase inicial con dous grupos en cada unha das cidades. A elección de sede para os encontros decisivos, pendente da visita que esta semana levan a cabo membros da Federación Internacional

Visita dunha delegación da Federación Internacional de Balonmán polo Mundial Junior 2019 Mónica Patxot

O desembarco na cidade do Campionato do Mundo Junior de Balonmán 2019 será maior do esperado inicialmente, e é que despois de que León caese da ecuación como sede principal tanto Pontevedra como Vigo concentrarán toda a competición internacional durante o mes de xullo.

A Boa Vila, que este luns recibiu a visita dunha delegación da Federación Internacional de Balonmán (IHF), acollerá dous grupos da primeira fase do Mundial, é dicir, 12 equipos (6 por grupo), e aspira a converterse en punto de referencia acollendo os encontros que decidan o título na fase final.

"Tenemos claro que va a haber dos grupos en Pontevedra y dos en Vigo, a partir de ahí ya decidiremos el cuadro final", explicou o presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez.

"Esto es una cuna del balonmano, es un punto fundamental y sobre todo que tenemos que recordar lo que pasó aquí hace 30 años", indicou o dirixente federativo en relación o Mundial Junior que acolleu Pontevedra no ano 1989.

O que aínda deben decidir os responsables da Federación Española e a IHF é o formato da fase final da competición, que pode ser de eliminatorias directas desde oitavos de final ou incluíndo unha 'mai round' á que accederían os tres primeiros de cada grupo e que decidiría os equipos que avanzarían ás semifinais. De ser así  "habría una main round en cada sede, de ahí saldrían los semifinalistas y ya decidiríamos dónde y cómo", sinalou Blázquez.

En canto a esa decisión sobre se o Municipal pontevedrés ou o pavillón vigués das Travesas acollerán os choques polo título "la capacidad del pabellón cuenta y los servicios e instalaciones también", asegurou na visita o vicepresidente da IHF, o español Miguel Roca. 

A delegación técnica que visitou este luns Pontevedra contaba coa presenza do presidente do comité organizador e de competición da IHF, o danés Per Bertelsen, que estivo acompañado por responsables do Servizo Municipal de Deportes, da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, e dos presidentes das federacións Española e Galega, Francisco Blázquez e José Luis Pérez Ouro. Ademais dunha comida de traballo á que asistiu o alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, visitaron as instalacións do Pavillón Municipal dos Deportes e varias establecementos hostaleiros da cidade.