Positivo test para Bea Gómez en Amsterdam, rozando as medallas no 800 libre

Pontevedra
16 de decembro 2019

A nadadora pontevedresa do Galaico foi cuarta no 800 libre na última xornada da Ámsterdam Swim Cup, primeira cita da tempada en piscina de 50 metros á que acudiu co obxectivo de achegarse ás marcas mínimas para Tokyo 2020

Bea Gómez, na Amsterdam Swim Cup Club Natación Galaico

Aínda queda moito camiño por diante para lograr a clasificación para os Xogos Olímpicos de Tokyo 2020, pero Bea Gómez segue dando pasos para tentalo.

A nadadora pontevedresa participou esta fin de semana na Amsterdam Swim Cup, primeiro proba internacional da tempada válida para conseguir as mínimas olímpicas, aínda que a competición clave será como cada ano o Campionato de España Open de Primavera que esta vez se disputará en Sabadell (1 ao 5 de abril).

O test resultou positivo para a deportista do Natación Galaico, que acudiu á cita representando ao seu club sen estar incluída dentro do equipo nacional, e que rozou as medallas no último día de competición.

Bea foi cuarta na final do 800 libre cunha marca de 8:47.10, aínda lonxe da mínima que se pide nunha quenda final (8:33.36) pero nadando xa nos tempo válidos nas quendas eliminatorias (8:48.76) segundo as esixencias da Real Federación Española de Natación.

A competencia con todo será dura, e é que en Holanda os tres primeiros postos do 800 libre estiveron copados por nadadoras nacionais, empezando pola  inalcanzable Mireia Belmonte (8:37.84) seguida de Jimena Pérez na segunda posición (8:39.44) e de María de Valdés na terceira (8:42.56).

En Amsterdam Bea Gómez tamén foi oitava nos 200 estilos (2:18.34) a case 6 segundos da mínima olímpica, completando a súa participación cun décimo posto nos 400 estilos (4:53.01) e un vixésimo lugar na proba de 200 libre.