Preparan unha gala de homenaxe a Pablo Hinojar no Pavillón Municipal

Pontevedra
23 de xaneiro 2025
Actualizado: 12:32

Será "unha tarde chea de recordos, recoñecemento e gratitude cara a quen inspirou a xeracións coa súa dedicación e paixón", asegura o Club Ximnasia Pontevedra. Celebrarase o 1 de febreiro

Pablo Hinojar, nunha competición de ximnasia Federación Española de Gimnasia

'Un salto ao ceo'. Así se bautizou a gala homenaxe que o Club Ximnasia Pontevedra prepara ao que foi a súa alma máter, Pablo Hinojar.

A entidade pontevedresa prepara "unha tarde chea de recordos, recoñecemento e gratitude cara a quen inspirou a xeracións coa súa dedicación e paixón", afirman.

Terá lugar o próximo 1 de febreiro no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra a partir das 17.00 horas.

Unha homenaxe que pretende estar á altura de todo o que achegou á ximnasia e ao deporte pontevedrés o adestrador, falecido de maneira repentina o pasado mes de outubro.

Nun vídeo elaborado para dar visibilidade ao evento Melania Rodríguez, ximnasta que de man de Hinojar chegou a ser campioa do mundo, explica os motivos de organizar esta emotiva xornada.

"Esta gala é unha oportunidade perfecta para celebrar todo o que Pablo Hinojar fixo polo noso deporte. É o noso momento de renderlle homenaxe, de darlle as grazas e de gozar xuntos do seu incrible legado", afirma.

Por iso será "unha gala especial", asegura.

A entrada o Pavillón Municipal dos Deportes será de balde para o público.