Primeiras renovacións en bloque no Pontevedra: Edu, Mouriño, Álex Fernández e David Castro

Pontevedra
07 de xuño 2018

Tras varias semanas de movementos na sombra e conversacións co plantel, o Pontevedra confirmou este xoves as primeiras renovacións dos futbolistas que acababan contrato. Edu Sousa, único da lista que asina por dúas tempadas

Adrián Mouriño, no partido entre Pontevedra e Guijuelo en Pasarón
Adrián Mouriño, no partido entre Pontevedra e Guijuelo en Pasarón / Diego Torrado

Despois de varias semanas de traballo na sombra e conversacións cos xogadores do plantel, o Pontevedra Club de Fútbol confirmou este xoves as primeiras renovacións no equipo.

Fíxoo ademais en bloque, anunciando o acordo con algúns dos xogadores que se colocaron como prioridade no club polo seu rendemento e implicación no tramo final da tempada, como son Edu Sousa, Mouriño, Álex Fernández e David Castro.

O caso do gardameta e capitán é o máis significativo de todos polo cartel que adquirira na categoría, polas ofertas que lle chegaban e polo feito de ser o único que prolonga o seu contrato dúas tempadas máis.

Edu, que chegou á casa granate no ano 2012 para xogar no filial e que un ano despois deu o salto ao primeiro equipo, seguirá ligado ao Pontevedra polo menos ata o verán de 2020, sendo unha das bases do novo proxecto deportivo.

O resto dos renovados amplía o seu compromiso por unha tempada, aínda que no caso de David Castro cunha opción de renovación automática por obxectivos. O defensor cuntiense, fichado hai un ano procedente do Céltiga, experimentou unha notable progresión ao longo da tempada ata converterse nun fixo no once, tanto no lateral esquerdo como no posto de central.

No caso de Adrián Mouriño a súa continuidade permitiralle afrontar a súa quinta tempada como futbolista do Pontevedra, despois de superar un ano complicado no que foi de menos a máis ata converterse nun dos xogadores máis en forma do equipo. De feito, aínda que só foi titular en 16 ocasións saíu no once inicial nas sete últimas xornadas de liga sendo clave na permanencia do equipo.

Unha situación similar foi a de Álex Fernández, que recuperou protagonismo coa chegada de Luismi para terminar sendo peza fundamental no equipo, o que lle valeu a oferta de renovación que lle permitirá completar o seu cuarto ano de granate.

Con estas renovación pasan a ser sete os futbolistas que contan con contrato en vigor co Pontevedra, ao sumarse Mouriño, Edu, Álex Fernández e David Castro a unha lista na que xa figuraban Berrocal, Nacho López e Darío Flores.