Primeiros pasos na organización do Europeo de Piragüismo Maratón de 2016

Pontevedra
12 de decembro 2014

Quedou constituído o comité técnico, que se encargará dos aspectos organizativos dun evento que espera reunir a preto de 1.300 deportistas durante cinco días de competición. Unha das súas primeiras decisións foi confirmar o circuíto, que partirá dende a ponte dos Tirantes e será testado no Campionato de España de 2015

Comité técnico organizador do Europeo de Piragüismo Maratón
Comité técnico organizador do Europeo de Piragüismo Maratón / PontevedraViva

O comité técnico organizador do Campionato de Europa de Piragüismo Maratón 2016, que se disputará en Pontevedra, quedou establecido este venres tras unha primeira reunión na que xa se perfilaron certos aspectos da proba.

Ademais do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, o comité estará composto José Manuel Sánchez Moure (xuíz internacional), María Jesús Llebot (ex-membro de Comité Internacional de Maratón), Jovino González (directivo da Federación Galega), Antonio Malvido (organizador de regatas), ÿscar Graña (campión do mundo de maratón) e Juan Costal (ex-adestrador da Federación Española).

Entre as primeiras decisións tomadas encóntrase a configuración do circuíto, que partirá finalmente do ámbito da ponte dos Tirantes para chegar ata preto da ponte de Monte Porreiro, cos porteos regulamentarios na marxe contraria á Illa das Esculturas.

Este circuíto será testado no Campionato de España de 2015, que tamén se celebrará no Lérez os días 16 e 17 de maio, coa particularidade de que será unha proba clasificatoria para o Europeo e o Mundial do próximo ano, polo que se espera unha participación de nivel.

En canto ao Campionato de Europa, a Federación Europea de Piragüismo (ECA) propuxo como datas para a súa celebración os días 29 e 30 de xuño e 1, 2 e 3 de xullo de 2016.

A organización espera reunir en Pontevedra preto de 1.300 padexeiros entre as categorías Elite, Júnior e Máster.