Problemas de espazo condicionan o uso do CGTD por parte de Cisne, Arxil e Voleibol Pontevedra

Pontevedra
30 de agosto 2017

O Centro Galego de Tecnificación debe instalar no seu pavillón unhas pistas de bádminton de última xeración doadas polo Consello Superior de Deportes, o que complica compaxinar a actividade do CGTD cos equipos pontevedreses que alí adestran e xogan. O centro comprometeuse a retirar as devanditas pistas durante as fins de semana para non dificultar as competicións, pero búscase unha solución para os adestramentos

A secretaria xeral para o deporte, Marta Míguez, visitando as instalacións do CGTD
A secretaria xeral para o deporte, Marta Míguez, visitando as instalacións do CGTD / Mónica Patxot

A falta de pavillóns na cidade adaptados ás esixencias das ligas senior federadas viuse agravada nas últimas semanas polos plans do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o seu pavillón, no que habitualmente adestran e xogan o Club Cisne Balonmán, Club Baloncesto Arxil e Voleibol Pontevedra.

A Secretaría Xeral para o Deporte, da que depende o CGTD, debe instalar este curso ata sete pistas de bádminton de última xeración cedidas polo Consello Superior de Deportes para o seu programa de tecnificación, debido a un convenio subscrito coa Federación Española de Bádminton. Isto supón a ocupación do espazo de xogo do pavillón para os adestramentos dos deportistas bolseiros no centro.

O problema chega pola dificultade de instalar e desinstalar esta superficie, xa que é necesaria unha hora para cada unha das tarefas.

"No nos es viable montar y desmontar todos los días", recoñeceu a PontevedraViva o director do CGTD, Suso López, debido a que sería necesario contar con máis persoal para asumir ese traballo. A pesar diso o máximo responsable do centro de tecnificación comprometeuse cos clubs para deixar a pista libre cada venres e volver ocupala os luns, para así non dificultar o desenvolvemento das competicións regulares.

Outro cantar son os adestramentos dos equipos, aos que se lles permitirá usar o pavillón do antigo Estadio da Xunventude a condición de que asuman o desmonte e montaxe das citadas pistas de bádminton e cun horario reducido, non antes das 20:00 horas. Isto sucedería unha vez de comezo o curso académico, a partir do 15 de setembro.

"En este momento no tenemos otra opción que jugar y entrenar ahí", explica resignado Lino Vázquez, directivo do Arxil, cuxo equipo de Liga Feminina 2 ten homologada a cancha de xogo do CGTD ante a Federación Española.

"Está claro que tenemos un problema", completa Santiago Picallo, presidente do Cisne, entidade afectada tamén cos seus equipos de base.

Aínda que os primeiros contactos producíronse a principios de verán, non foi ata o 22 de agosto cando se produciu a notificación oficial dos plans da Secretaría Xeral para o Deporte. Desde entón para tentar solucionar a situación o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, ademais de comunicar a súa decisión aos clubs, trasladoulla ao Concello de Pontevedra na busca dunha solución de consenso, tendo en conta que o problema de horas e espazo nos pavillóns da cidade non se solucionará ata a construción do proxectado pavillón da Parda e verase agravado nos próximos meses coas obras de reforma do Multiusos da Xunqueira.

Por outra banda, á marxe dos contactos entre a propia concellería de Deportes e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, os tres clubs implicados reuniranse este mércores para tratar o asunto e negociar a mellor maneira de afrontalo, que podería pasar pola contratación dun ou dous operarios que asuman os traballos de retirar e colocar as pistas mentres dure a tempada deportiva que está a piques de comezar.