Reacción tardía do Poio FS que cae ante o Majadahonda (2-3) e atrasa asegurar a permanencia

Poio
28 de marzo 2015

Lonxe do seu mellor nivel, o Poio FS deixou escapar unha ocasión inmellorable para practicamente selar a permanencia na primeira división do fútbol sala feminino, ao caer na súa pista da Seca fronte a un Majadahonda que chegaba necesitado de puntuar para escapar dos postos de perigo

Partido entre Poio FS e Majadahonda FSF na Seca Diego Torrado

Lonxe do seu mellor nivel, o Poio FS deixou escapar unha ocasión inmellorable para practicamente selar a permanencia na primeira división do fútbol sala feminino, ao caer na súa pista da Seca fronte a un Majadahonda que chegaba necesitado de puntuar para escapar dos postos de perigo e o conseguiu grazas a que o equipo local saíu absolutamente descentrado, regalando practicamente o partido nos primeiros dez minutos.

Moito máis intensas, as madrileñas fixéronse co control e o peso do partido dende o asubío inicial, e pronto se adiantaban no marcador cun disparo exterior de Marta Rodríguez. Tres minutos despois, Mónica aproveitaba un rexeitamento para facer o segundo, ante o desconcerto do equipo de Morenín.

Coas locais incapaces de reaccionar, o Majadahonda incrementaba a súa conta mediado o primeiro tempo, cun forte tiro de Marta Vaqueiro que entrou pola escuadra.

A reacción local chegaría na segunda parte, co partido moi costa arriba. Claudia recortaba distancias, cun tiro de lonxe e Charo, do mesmo modo lograba o segundo gol local. Quedaban 12 minutos por diante para culminar unha remontada que non chegaría, nin sequera a pesar do xogo de cinco que as locais intentaron nos últimos catro minutos. O Majadahonda aguantou en defensa ata se levar tres puntos vitais para elas.

POIO FS (2): Silvia; Jenny, Charo, Yoly, Souza -cinco inicial-, Claudia, Paloma, Nerea e Elena.

MAJADAHONDA FSF (3): Celia; Mónica; Marta Rodríguez, Marta Vaqueiro, Sofía -cinco inicial-, Gabriela Molina e Marta Mateo.

Árbitros: Xurxo García e Luis Vázquez (Galicia). Amoestaron as xogadoras locais Yoli, Souza e Claudia.

Goles: (0-1) Minuto 2: Marta Rodríguez. (0-2) Minuto 5: Mónica. (0-3) Minuto 10: Marta Vaqueiro. (1-3) Minuto 22: Claudia. (2-3) Minuto 28: Charo.

Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 300 espectadores.